© Sarela | 23/01/2020 | Coñecendo o DCA con Sarela
O equipo de Sarela achega o dano cerebral ao alumnado de primaria e secundaria
A entidade compostelá puxo en marcha o proxecto de sensibilización 'Contalo, explicalo, vivilo'.
A Asociación da Dano Cerebral Adquirido de Compostela, Sarela, está a traballar nas actividades que vai desenvolver con motivo do seu vixésimo aniversario. Así, a entidade puxo en marcha nas últimas semanas o proxecto 'Contalo, explicalo, vivilo'. Trátase dunha actividade de sensibilización destinada aos alumnnos e alumnas de educación primaria e secundaria, e que nace co obxectivo de crear actitudes positivas cara ás persoas con dano cerebral adquirido.
Este encontro cos estudantes realízase a través de actividades lúdicas e participativas que achegan a realidade das persoas con discapacidade por DCA. O proxecto parte dunha pequena charla sobre esta discapacidade, acompañada dunha parte vivencial con experiencias para que as persoas asistentes poidan percibir as secuelas que producen o dano cerebral.
A través destes obradoiros, a asociación compostelá busca, ademais de achegar a realidade das persoas con DCA, fomentar no alumnado valores cooperativos e de colaboración con posibles compañeiros/as con discapacidade e potenciar os valores de respecto, solidariedade, xustiza e conciencia social.