© Deputación da Coruña | 29/01/2020 | Inauguración do Centro de Día de Adaceco
Inauguración do novo Centro de Día de Adaceco no Concello de Culleredo
O acto contou coa presenza da Conselleira de Política Social e do Presidente da Deputación da Coruña
A Asociación de Dano Cerebral da Coruña, ADACECO, inaugurou onte o seu novo centro de día, o único especializado na atención ás persoas con dano cerebral adquirido que existe na área sanitaria da Coruña. A entidade conta cun espazo de case 300 metros cadrados cunha capacidade para 30 persoas, situado no Concello de Culleredo. No centro, Adaceco ofrece unha atención integral e especializada para persoas con DCA onde se combinan disciplinas como a fisioterapia, logopedia ou terapia ocupacional, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con esta discapacidade.
O acto contou coa presenza da Conselleira de Política Social, Fabiola García; o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a Tenente de Alcalde de Culleredo, Lupe Pombo; o Presidente de FEGADACE, Luciano Fernández; e a Presidenta da entidade, Carmen Fernández. A titular do departamento autonómico destacou que o Goberno galego manterá o seu compromiso con entidades como Adaceco e coa atención ás persoas con dano cerebral adquirido coa ampliación das prazas de centros de día, mentres que o responsable da institución provincial quixo agradecer o labor realizado polas profesionais da entidade e sinalou que manterán o apoio da Deputación á asociación coruñesa.
A inauguración deste centro enmárcase no 20 aniversario de Adaceco, e completouse coa celebración doutro acto pola tarde que contou cunha gran afluencia coa presenza de socios/as da asociación, profesionais doutras entidades de dano cerebral galegas, ademais das persoas usuarias e as súas familias. As persoas asistentes puideron gozar da actuación do violonchelista Saúl Nogareda.