Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 27/02/2020 | Cartaz da exposición 'Punto e Seguido' en Pontevedra

A exposición ‘Punto e seguido' chega por primeira vez á cidade de Pontevedra

A mostra de fotografías sobre o DCA estará no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia do 5 ao 25 de marzo.

27/02/2020 | Pontevedra

Tras o seu paso pola Coruña, a exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que FEGADACE e as súas cinco entidades membro e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, ten unha nova parada: a cidade de Pontevedra.

Será a primeira vez que esta mostra poida visitarse na capital do Lérez desde a posta en marcha do proxecto, e establecerase a partir do 5 de marzo na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia (Avda de María Victoria Moreno, 43). A exposición estará aberta ao público ata o 25 de marzo en horario de luns a venres de 9 a 14h e de 18 a 21h, e tamén os sábados de 9 a 14h.

Proxecto 'Punto e seguido'

Esta iniciativa posta en marcha pola federación no ano 2017 está formada por unha colección de imaxes do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizadas nas cinco entidades membro de FEGADACE. As fotografías están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os momentos de descanso, a convivencia... En definitiva, a vida despois dese “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Para acompañar esta mostra, a federación elaborou unha serie de curtametraxes, unha peza principal e cinco videos máis pequenos, que constrúen un retrato da complexidade das secuelas que compoñen esta discapacidade: físicas, cognitivas, sensoriais, sociais, orgánicas... Todo a través de testemuños de persoas con dano cerebral, os seus familiares e profesionais das asociacións que traballan día a día para mellorar a súa calidade de vida.

A organización desta exposición conta coa colaboración da Consellería de Política Social, a través da convocatoria dos programas de interese xeral para fins de carácter social, financiados con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Percorrido da exposición

'Punto e seguido' puido verse con anterioridade neste inicio de 2020 en Ourense e na Coruña. Nos vindeiros meses a exposición estará de novo en Santiago e chegará por primeira vez a Ferrol e a Monforte de Lemos, entre outras localidades.

 

 

#puntoeseguido

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)