Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 02/03/2020 | Charla sobre o DCA celebrada en 2019 no CDR O Viso

FEGADACE achegará o dano cerebral adquirido a concellos rurais de toda Galicia

A Federación organiza un novo ciclo de charlas para incrementar o coñecemento sobre esta discapacidade.

02/03/2020 | Galicia

FEGADACE pon en marcha un novo ciclo de charlas informativas sobre o dano cerebral adquirido en concellos das zonas rurais de Galicia. Este proxecto, que continúa o iniciado o pasado ano coa celebración de 51 charlas noutras tantas localidades, ten como obxectivo achegar información sobre esta discapacidade á poboación das zonas máis illadas e envellecidas da xeografía galega. Esta actividade formativa desenvolverase nos meses de marzo e abril e percorrerá 25 localidades das catro provincias.  

As sesións formativas que compoñen o proxecto terán unha duración aproximada dunha hora, e nelas abordaranse as causas e os factores de risco do dano cerebral adquirido -especialmente do ictus, a principal causa desta discapacidade-, os recursos de atención e rehabilitación dispoñibles na comunidade galega e os dereitos que teñen as persoas e familias cando están nesta situación.

Este ciclo de charlas, incluido dentro do programa 'Dano Cerebral Adquirido: Promove, Entende, Actúa', conta co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través da convocatoria dos programas de interese xeral para fins de carácter social, financiados con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

A persoa encargada de impartir estas charlas vai ser o traballador social de FEGADACE, e para a súa organización, a federación conta coa colaboración dos servizos sociais dos concellos participantes.

As charlas fixadas ata o momento son as seguintes:

  • Chantada. 23 de marzo. 11:00. Auditorio Municipal (Praza de Galicia, 1T).
  • Sober. 23 de marzo. 16:30. Casa da Cultura (Praza do Concello, s/n).
  • Bueu: 25 de marzo. 18:00. Sala de Exposicións 'Amalia Domínguez Búa' (Rúa Eduardo Vicenti, 2).
  • Guitiriz: 31 de marzo. 11:30. Casa Habanera (Rúa do Concello, 42).
  • Verín. 1 de abril. 19:30. Centro de Día (Praza García Barbón, 8).
  • Salvaterra de Miño. 3 de abril. 11:30. Salón de Plenos do Concello (Praza da Constitución, 1).
  • Vilalba. 14 de abril. 17:00. Casa da Cultura (Praza Suso Gayoso, 1).
  • Soutomaior. 16 de abril. 17:00. Edificio Multiusos de Arcade (Rúa do Peirao, 8).
  • Sarria. 23 de abril. 19:00. Casa da Cultura (Rúa Marqués de Ugeda).
  • Ponte Caldelas. 24 de abril. 17:00. Biblioteca Municipal (Rúa do Emigrante).
  • Camariñas. 30 de abril. 11:00. Museo do Alemán (Rúa Muelle,9).
     



 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)