Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

FEGADACE recomenda unha serie de libros sobre o DCA para o confinamento

A federación elaborou un listado de lecturas que tratan de diversos xeitos esta discapacidade.

23/03/2020 | Santiago

A Federación Galega de Dano Cerebral quere animar a toda a poboación a quedar na casa para loitar contra a pandemia do COVID-19. Para iso, a federación elaborou un listado de libros para estes días de confinamento nos que se trata, de diferentes xeitos, o dano cerebral adquirido. A continuación pódese consultar a lista completa de lecturas sobre esta discapacidade:

Lecturas sobre o dano cerebral adquirido

Iridium, Francisco Castro

(Galaxia, 2017)
Novela xuvenil que aborda temas como a discapacidade, a igualdade ou as discriminacións a través da historia de Iris, unha rapaza que ten dano cerebral adquirido por causa dun accidente de tráfico. Unha historia de amor, a relación cos pais, a convivencia no instituto ou o tempo nun centro especializado en DCA serven a Francisco Castro para facer ao público adolescente reflexionar sobre as nocións de “normalidade” e de respecto mutuo.

De profundis. Valsa lenta, José Cardoso Pires

(Dom Quixote, 1997)
O portugués José Cardoso Pires refírese como “valse lento” á súa viaxe de ida e volta tras un ictus sucedido en 1995. Describe a perda de memoria e a incomunicabilidade: nin voz, nin escrita, nin lectura; ata a total recuperación. O autor morrería tres anos máis tarde, en 1998, a causa dun segundo ictus.

Accidental, Manuel Darriba

(Galaxia, 2003)
Reflexión sobre a construción da identidade individual e as razóns da existencia a partir dun protagonista afectado por unha amnesia posterior a un traumatismo por un accidente de tráfico. Reflicte, con pinceladas de humor, a incomprensión e o absurdo que sente unha persoa con dano cerebral adquirido.

Baltasar (Una autobiografía), Slawomir Mrozek

(Acantilado, 2014)
Baltasar é o resultado dun exercicio recomendado por persoal médico e logopédico ao escritor Slawomir Mrozek tras un ictus que lle causou afasia e a perda da capacidade de escribir. Crea o personaxe de Baltasar para trazar unha autobiografía marcada pola doenza e pola procura da memoria e o esforzo para superala.

No sabes lo que me cuesta escribir esto, Olivia Rueda

(Blackie Books, 2018)
Olivia Rueda dedicábase a contar historias (era montadora de documentais en televisión) ata que un ictus chegou á súa vida. Tivo que volver aprender a falar e a escribir. Do seu proceso de adaptación ao dano cerebral adquirido xorde esta crónica en primeira persoa na que discute tanto a idea de “querer é poder” como o inmobilismo caudado polo vitimismo que ás veces afecta ás persoas que tiveron un ictus.

Despertares, Oliver Sacks

(Anagrama, 2010)
O neurólogo e escritor Oliver Sacks narra a historia real dos “espertares” dun grupo de pacientes que sobreviviron a unha epidemia de encefalite letárxica que se deu nos EEUU nos anos 20 e que el tratou 40 anos máis tarde. Contén todo tipo de anécdotas sobre como o grupo de vinte pacientes acorda e retoma a vida.

El hombre que confundió a su mujer con un sombrero, Oliver Sacks

(Anagrama, 2008)
O neurólogo Oliver Sacks tivo prosopagnosia, un tipo de agnosia visual que se caracteriza pola incapacidade de recoñecer as caras das persoas coñecidas, e mesmo a propia. Neste libro, un clásico da escritura clínica, recolle vinte historias de persoas con esta e outras secuelas do dano cerebral adquirido.

Un ataque de lucidez, Jill Taylor

(Debate, 2009)
A neuroanatomista e apaixonada do funcionamento do cerebro Jill Taylor asistiu con interese clínico ao seu propio ictus, experimentando como ía perdendo capacidades e tomando boa nota para lembrar un proceso que narra neste volume, acompañado do da readaptación á vida con dano cerebral adquirido.

El daño cerebral invisible, Aurora Lassaletta

(EOS - Instituto de Orientación Psicológica Asociados, 2017)
Aurora Lassaletta formouse e exerceu como psicóloga clínica ata que un traumatismo cranioencefálico -motivado por un accidente de tráfico- lle causou un dano cerebral adquirido. Tralo DCA, comezou a tomar notas sobre as súas secuelas, o que sentía e o que lle pasaba, ata dar forma a este libro sobre todo o conxunto de síntomas non visibles (condutuais, cognitivos, emocionais...) que afectan ás persoas con esta discapacidade. O prólogo está escrito por Álvaro Bilbao, neuropsicólogo do Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC).

Silencio administrativo, Sara Mesa

(Anagrama, 2019)
O empobrecemento e a incapacidade para facer fronte ao labirinto burocrático (trámites laborais, xestión de certificados de discapacidade e dependencia, tratamentos, solicitude de axudas...) posterior ao dano cerebral son parte das secuelas que afrontan as persoas e familias con esta discapacidade. Sara Mesa visibiliza a impotencia e dificultades que se sofren neste relato real sobre unha muller en situación de vulnerabilidade e exclusión que pelexa contra o muro que ergue perante ela a administración.

Inútilmente guapo. Mi batalla contra el ictus, Jorge M. Reverte

(La Esfera de los Libros, 2015)
“A miña batalla contra o ictus” é o subtítulo deste relato autobiográfico composto polo escritor e xornalista Jorge M. Reverte. Foi escrito -con moito humor- durante o seu proceso de recuperación tras un ictus, describindo a súa conciencia da situación e as secuelas coas que vai convivindo.

No ser una silla: la cara oculta del mundo de grandes discapacitados, Armando de Ponga Rodríguez, Pedro Egea Ferrer, Conchita Navarro Indurain, Juan J. Ochandorena Tellechea, Carlos Recalde Larrea

(Txalaparta, 1996)
Este libro escrito por cinco navarros e navarras con discapacidades severas recibiu o Premio extraordinario IMSERSO 1997 polo seu exercicio de denuncia en primeira persoa sobre as barreiras sociais que afrontan no día a día, equiparables ás que se erguen perante as persoas con dano cerebral. Reivindican o seu dereito a seren tratados/as como persoas, a “non ser unha cadeira”.

Lectura Fácil, Cristina Morales

(Anagrama, 2018)
Relato da vida de catro mulleres con discapacidade (unha delas, con discapacidade adquirida) tratando de conservar a súa autonomía nunha cidade que as oprime e perante unhas institucións -médicas, familiares, de protección social- coas que non se identifican. A perspectiva de xénero (activismo, sexualidade, esterilizacións forzosas) e a radicalidade formal (hai catro fíos do relato e un deles está escrito en lectura fácil) caracterizan esta premiada novela de Cristina Morales.

Una posibilidad entre mil, Cristina Durán & Miguel Á. Giner Bou

(Ediciones Sins entido, 2009)
Cristina Durán e Miguel Ángel Giner debuxan, guionizan e protagonizan esta historia en forma de banda deseñada xunto coa súa filla Laia. Unha crónica do seu paso por hospitais, centros de rehabilitación e convivencia cunha discapacidade adquirida aos poucos días do nacemento da nena, que tiña “unha posibilidade entre mil” de sobrevivir.

Neurocómic, Matteo Farinella & Hana Roš

(Norma Editorial, 2014)
O doutor e doutora en neurociencias Matteo Farinella e Hana Roš exercen como guías desta viaxe en forma de banda deseñada ao interior do cerebro, explicando o seu funcionamento. Responden a preguntas sobre os mecanismos de funcionamento da memoria, o traballo das neuronas ou as reaccións químicas e eléctricas que dan como resultado as nosas sensacións e pensamentos.

Retrón. Querer es poder (a veces), Raúl Gay

(Next Door Publishers, 2017)
Da súa experiencia directa coa discapacidade e o seu traballo no blog ‘De retrones y hombres’, Raúl Gay extrae os contidos deste libro. É unha visión en primeira persoa, desprexuizada e libre de tabús, sobre os detalles da súa discapacidade e o percorrido vital do autor, licenciado en Políticas e máster en Xornalismo.

Afásia, Xabier Cordal

(Baía, 1997)
Os xogos coa linguaxe e os significados das palabras e imaxes que Xabier Cordal pon en práctica neste poemario remiten ás percepcións das persoas con afasia, unha das secuelas comunicativas máis habituais no dano cerebral adquirido.

La felicidad conyugal, Tahar Ben Jelloun

(Alianza Editorial, 2014)
Novela sobre as relacións de parella que parte da historia dun exitoso pintor que se atopa paralizado despois de ter un ictus. Afectado por unha depresión, culpa da súa desgraza ao seu matrimonio. O autor amosa como se percibe, constrúe e retoma unha parella desde a perspectiva posterior ao dano cerebral adquirido.

Farándula, Marta Sanz

(Anagrama, 2015)
En Farándula o ictus afecta a unha veterana actriz, amosando a precariedade dese oficio como emblema da dureza coa que o mundo laboral e profesional trata -e mesmo expulsa- ás persoas con dano cerebral adquirido. A súa situación de dependencia e o trato que recibe por parte da súa contorna tamén teñen forza nesta novela sobre os mundos do cine, do teatro e das aparencias.

Ictus: si tú crees que puedes, puede que puedas, Raúl Davila

(Andavira, 2017)
O vigués Raúl Davila quixo empregar a súa experiencia persoal co ictus para axudar a outras persoas e familias na mesma situación. Por iso escribiu este libro, que serve para orientar e achegar esperanza durante o proceso de adaptación e dó trala chegada do dano cerebral adquirido.

Amnesia, Kati Rickenbach

(La Cúpula, 2008)
Ficción en forma de novela gráfica sobre a angustia e desorientación pola que pasan as persoas afectadas por amnesia (unha secuela moi común no dano cerebral adquirido). Combina historias que se cruzan construíndo un relato coral no que aproveita para falar da memoria e as causas dos seus fallos.

20.000 leguas baixo dos mares (Lectura fácil), Jules Verne | Adaptación da Asociación Juan XXIII

(Galaxia, 2018)
O clásico de Verne chega con esta edición ao público con dificultades lectoras provisionais ou permanentes, inaugurando a primeira colección de títulos en Lectura Fácil editados en galego. É unha iniciativa da editorial Galaxia. A adaptación foi realizada polos clubs de lectura fácil da Asociación Juan XXIII.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)