Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© EAPN Galicia | 19/06/2020 | A Asemblea da EAPN Galicia tivo lugar por primeira vez de maneira non presencial

A Asemblea de EAPN Galicia aproba 15 propostas electorais contra a pobreza

A directora de FEGADACE asistiu ao encontro, no que se validou a entrada na rede da Fundación Radio ECCA.

19/06/2020 | Galicia

Coa participación de representantes de 23 das 27 organizacións membro da rede, na Asemblea Ordinaria aprobouse por unanimidade o documento 'As persoas primeiro: Propostas EAPN Galicia contra a pobreza e a exclusión social perante as Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020'.
 
As eleccións ao Parlamento de Galicia celebraranse no marco da extrema emerxencia provocada pola pandemia do coronavirus. Unha emerxencia sanitaria que está sendo acompañada por unha emerxencia social que empobrecerá drasticamente a milleiros de galegas e galegos sen o compromiso político e orzamentario da Xunta de Galicia e dos concellos.
 
Con todo, esta crise está a supoñer a constatación da necesidade de aplicar con urxencia reclamacións históricas das organizacións e redes do Terceiro Sector como a valoración dos coidados, a erradicación do lucro na loita contra a pobreza ou na atención ás persoas dependentes e colectivos vulnerables ou mesmo a aprobación do Ingreso Mínimo Vital.
 
Trátase, así mesmo, dunha oportunidade única para evitar que a pobreza e a desigualdade se cronifiquen e cumprir así co compromiso do Estado Español e da Comunidade Autónoma galega de cumprir coa Axenda 2030 e o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 1 que establece que no 2030 deben reducirse á metade a porcentaxe de persoas en pobreza.
 
O documento resalta os catro principios que definen a incidencia política da EAPN Galicia: Loita contra as causas da pobreza e a desigualdade, compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo, coordinación política e técnica e diálogo civil. E recolle 15 grandes demandas, que á súa vez se detallan en 64 medidas concretas. Destacando tres:
 
  1. Blindar o orzamento da RISGA, asegurando a súa compatibilidade e subsidiariedade co recentemente aprobado Ingreso Mínimo Vital, especialmente en tres aspectos: complementando ingresos, aumentando cobertura e asegurando o dereito á inclusión sociolaboral;
  2. Garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible, priorizando a rehabilitación e o alugueiro social, erradicación do chabolismo e a infravivenda e loita contra a exclusión residencial severa.
  3. Reducir drasticamente en Galicia a pobreza e a exclusión infantil e xuvenil é posible, apoiando especialmente ás familias e aproveitando a oportunidade do Ingreso Mínimo Vital.
COVID19: Rede de apoio a entidades sociais
 
Outro dos puntos clave da asemblea foi a avaliación da situación durante e tras o Estado de Alarma. O confinamento supuxo a adaptación urxente das entidades, tanto a nivel organizativo interno como de cara a prestar o mellor servizo e acompañamento ás persoas que máis o precisan e precisaron.
 
Neste eido xurdiron temas que veñen sendo recorrentes como demandas entre as entidades membro de EAPN Galicia, e que durante este período se viron agravados ou que pola falta de solución supuxeron unha barreira importante na capacidade de resposta das organizacións ou na consecución dos dereitos e acceso a recursos das persoas en situación vulnerable.
 
Destacouse por exemplo a fenda dixital, considerando como unha necesidade básica o acceso ás novas tecnoloxías e internet das persoas ou familias en situación de vulnerabilidade, así como o fomento da alfabetización e competencias dixitais, pero tamén asegurando que as organizacións sociais, como calquera outro sector produtivo, reciben o mesmo apoio da Xunta de Galicia para a transición dixital.
 
Un plan de rescate para as organizacións do Terceiro Sector Social galego
 
É xeralizada entre as entidades a incertidume polo que pasará tras a emerxencia sanitaria con moitos programas e servizos que ofertan á poboación, dependentes da financiación pública. Todas teñen asumido gastos extraordinarios que poden supoñer nun futuro inmediato a perda de servizos, programas e recursos de inclusión dirixidos a persoas en situación de pobreza e/ou exclusión.
 
Como se está a reclamar en toda España, as organizacións do Terceiro Sector estiveron e continuarán realizando unha tarefa esencial o que esixe do Goberno e da Xunta un plan de rescate económico e financeiro urxente para non por en perigo a atención as persoas máis vulnerables. Ou asegurar que as liñas de financiamento e apoio económico ás PEMES se amplíen as entidades sociais e da economía solidaria, superando a discriminación actual.
 
Dende a Rede tamén tivemos que adaptarnos e realizar a nosa labor en resposta á situación de emerxencia, e entre outras accións específicas, habilitouse un espazo web de utilidade tanto a organizacións de acción social galegas como á cidadanía no seu conxunto. Nel publicáronse novas e demandas de interese das entidades do Terceiro Sector de Acción Social, nunha época na que a coordinación na loita contra a pobreza se fai máis necesaria que nunca.
 
Radio ECCA novo membro de EAPN Galicia
 
Na asemblea aprobouse tamén por unanimidade a entrada como novo membro de Radio ECCA. Unha entidade de referencia no ámbito da educación que, mediante a formación, a intervención social e a comunicación promove unha sociedade máis igualitaria e combate o empobrecemento e a precariedade económica, a vulnerabilidade social e sanitaria e a desigualdade de xénero.
 
Aprobáronse tamén as contas e memoria do 2019 así como o orzamento e Plan de Traballo 2020. Como accións inmediatas o vindeiro 26 de xuño unha xornada técnica de análise, reflexión e propostas de mellora de cara a loitar contar a fenda dixital e facilitar o exercicio dos dereitos das persoas en vulnerabilidade en tempos de confinamento. Do mesmo xeito, realizaranse outras actuacións de incidencia política coa Xunta de Galicia, unha vez constituído o novo Parlamento, retomando temas como, entre outros, a posta en marcha da Axenda Social Única de Galicia.
 
Por último, contouse coa participación de Carlos Susías, presidente de EAPN España e EAPN Europa, que destacou 3 grandes retos donde o Terceiro Sector de Acción Social (TSAS) debe estar presente:
 
  • Nos procesos de reconstrución das CC.AA. "lo mismo que en Galicia hay propuestas para la recuperación para salvar determinados sectores. Tambien tiene que haber un apartado que hable en el rescate del TSAS"
  • Na reformulación dos Plans Operativos dos Fondos Europeos (FSE, FEDER e FEADER)
  • No proceso de reconfiguración das prestacións existentes como consecuencia da implantación do Ingreso Mínimo Vital. Asegurando que non diminúen os orzamentos destinados na Xunta a Inclusión Social

Información e imaxe extraídas da páxina web da EAPN Galicia.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia)
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)