Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 02/07/2020 | As catro persoas candidatas das principais organizacións que concorren ás eleccións galegas 2020

As principais forzas políticas confrontan as súas propostas para o dano cerebral

Candidatas do PP, PSdeG-PSOE, BNG e Galicia en Común debaten nun vídeo a petición de FEGADACE.

02/07/2020 | Galicia

Ademais de facer chegar ás organizacións políticas as propostas para o colectivo do dano cerebral adquirido, FEGADACE quixo tamén consultar ás persoas candidatas que iniciativas van desenvolver no caso de accederen ao goberno da Xunta de Galicia o vindeiro 12 de xullo.

As persoas con dano cerebral adquirido formularon tres cuestións ao PP, PSdeG-PSOE, BNG e Galicia en Común, que foron respostadas por Fabiola García (candidata do PP pola provincia da Coruña e actual conselleira de Política Social), Marina Ortega (candidata do PSOE pola provincia de Ourense e secretaria de Políticas Sociais da súa organización), Ana Pontón (candidata do BNG pola provincia da Coruña e cabeza de lista da súa formación) e Antón Gómez Reino (candidato de Galicia en Común pola provincia da Coruña e á presidencia da Xunta).

FEGADACE quere agradecer ás catro organizacións e persoas participantes a dispoñibilidade e accesibilidade dadas as condicións deste debate, que tivo que ser trasladado ao campo virtual polas dificultades de organización de actos públicos derivadas das medidas de seguridade para a prevención da COVID-19.

Catro persoas candidatas, tres cuestións formuladas

As preguntas das persoas con dano cerebral encamiñáronse a coñecer as propostas electorais concretas dos partidos para a vindeira lexislatura, a como solucionar o problema de que os centros de día se manteñan pechados, e a como pensa dimensionar cada organización as prazas de atención a esta discapacidade.

Nos vindeiros días FEGADACE vai lanzar un vídeo coas catro respostas a cada demanda. No adianto que presentamos hoxe resumimos brevemente as principais declaracións dos partidos. Fabiola García salienta que, se o PP gaña as eleccións, "verá a luz verde de maneira definitiva unha medida moi reivindicada no ámbito da discapacidade que é o decreto do concerto social". Para Marina Ortega e o PSdeG-PSOE é máis importante "o impulso da Lei de Dependencia" e "que se acurten o tempo de resolución do grao e o PIA da dependencia". Ana Pontón subliña a intención do BNG de reclamar un financiamento xusto para a Dependencia e "que desenvolvamos un sistema público que nos permita atender as demandas" en materia de servizos sociais. Antón Gómez Reino indica que Galicia en Común propón "unha Estratexia Galega de socialización dos coidados" vinculada á creación dun "Instituto de Innovación e Investigación en Servizos Sociais".

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)