Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 27/08/2020 | Portada do estudo

Conclusións do estudo sobre coñecemento dos recursos de atención ao ictus

Realizado pola FEGADACE coa colaboración da SGN e o apoio da Fundación Barrié e Fundación Roviralta

27/08/2020 | Santiago

Durante os anos 2016 e 2018 a Federación Galega de Dano Cerebral, coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía, elaborou o estudo ‘Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con Dano Cerebral Adquirido; medindo a cobertura das necesidades do colectivo’, que contou co financiamento da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, dentro do programa 'Más Social'.

O estudo desenvolveuse co obxectivo de determinar, por unha banda, o coñecemento que ten a poboación que tivo un ictus sobre o seu diagnóstico, factores de risco, síntomas de alarma, conduta a seguir para a recuperación e carteira de servizos para a atención e rehabilitación, e, pola outra, medir a cobertura das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral.

Este proxecto puxo de manifesto unha serie de conclusións, na que destaca a falta de coordinación entre os servizos sanitarios e sociais na atención a persoas con dano cerebral adquirido. Unido a isto, o estudo amosa que non existe un coñecemento dos servizos sociais municipais por parte dos profesionais hospitalarios e que existe unha perda da continuidade asistencial no momento da saída do sistema hospitalario.

A investigación realizada demostra que existe unha alta satisfacción coa calidade da atención médica hospitalaria, onde o 90% das persoas foron atendidas en menos de 24h tras a aparición do ictus. Unha gran parte das persoas participantes contan cun grao de coñecemento satisfactorio sobre o diagnóstico e a actitude que deben adoptar respecto ao ictus, pero é necesario unha mellora no coñecemento dos factores de risco e as sinais de alarma.

Por outra banda, o 78% das persoas consultadas manifestaron que o descoñecemento ou falta de información foi o principal obstáculo á hora de acceder aos medios necesarios para o proceso de rehabilitación. Tamén se sinalan dificultades nos trámites burocráticos e problemas económicos no acceso aos recursos. Así mesmo, constátase o descoñecemento da existencia das asociacións de dano cerebral e a dificultade do seu acceso para as persoas que viven no rural pola súa centralización nos ámbitos urbanos.

Así mesmo, o estudo constatou a escaseza de servizos multidisciplinares dentro do sistema público e que o prazo para o inicio deste proceso adoita a dilatarse, co impacto que supón na recuperación integral da persoa. Ademais esta rehabilitación está moi centrada na parte física, cunha menor atención a aspectos cognitivos, intelectuais ou emocionais, entre outros.

A enquisa amosa que máis do 80% das persoas dadas de alta regresan aos seus domicilios con necesidades de coidado e adaptación da vivenda e que existe unha falta de formación e información sobre o autocoidado e os cambios no modo de vida das persoas con dano cerebral e as súas familias.

Por último, un aspecto a destacar é a feminización das labores de coidado, xa que as persoas encargadas destas tarefas adoitan a ser mulleres, nunha maioría de casos fillas das persoas con dano cerebral.

Podes acceder ao documento con todas as conclusións, as deteccións das necesidades e as propostas de acción na seguinte ligazón

 

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)