Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 15/10/2020 | Os presidentes de SOGARMEF e FEGADACE

Alianza para mellorar a rehabilitación das persoas con dano cerebral adquirido

A Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación e FEGADACE asinan un convenio de colaboración.

15/10/2020 | Galicia

Os presidentes da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF), Jacobo Formigo, e da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Luciano Fernández, asinaron na tarde de onte un convenio de colaboración cunha duración inicial de catro anos co obxectivo principal de cooperar para mellorar a calidade da rehabilitación integral das persoas con dano cerebral en Galicia. O acto de sinatura tivo lugar na oficina de FEGADACE.

A constatación da existencia de fins comúns, como o interese en mellorar a formación dos profesionais implicados na rehabilitación, a sensibilización da poboación, e a divulgación de coñecemento sobre o dano cerebral adquirido, levou a ambas entidades e subscribir este acordo.

Durante a vixencia do acordo, SOGARMEF e FEGADACE van colaborar para potenciar a formación das súas persoas socias; realizar actividades de investigación; organizar seminarios, xornadas, cursos e conferencias de interese común -comezando polas Xornadas sobre o Dano Cerebral de 2020-; e desenvolver informes e documentos que persigan o obxectivo común da mellora da calidade da rehabilitación integral das persoas con dano cerebral.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Outras entidades
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)