Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Fundación María José Jove | 19/10/2020 | De esquerda a dereita, a que na altura era presidenta de ADACECO, Carmen Fernández; a conselleira de Política Social, Fabiola García; a presidenta da Fundación, Felipa Jove; e o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández; na Xornada DCA 2019

A Fundación María José Jove, 8º Premio FEGADACE – Miguel Blanco

Recoñecemento do labor a favor da inclusión do colectivo a través do deporte e lecer sen barreiras.

19/10/2020 | Santiago

A Federación Galega de Dano Cerebral decidiu conceder o 8º Premio FEGADACE – Miguel Blanco á Fundación María José Jove, co obxectivo de recoñecer o seu labor a favor da inclusión das persoas con dano cerebral adquirido, especialmente a través da organización de actividades de lecer sen barreiras e de sensibilización sobre a discapacidade.

A Fundación María José Jove comparte co movemento asociativo do dano cerebral un obxectivo chave: a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Programas como Esfuerza -de actividades deportivas adaptadas para todo tipo de discapacidades- e iniciativas como a organización, en colaboración con ADACECO (a Asociación de Dano Cerebral da Coruña), dunha Xornada anual sobre o dano cerebral adquirido, achegan o labor da Fundación a este colectivo.

A Xunta Directiva de FEGADACE argumenta no seu fallo que “actividades como as que organiza a Fundación serven para facilitar o retorno ao contexto sociocomunitario e permiten o pleno desenvolvemento das capacidades de cada persoa a través das adaptacións necesarias para o exercicio de actividades de lecer e deportivas”, algo especialmente importante para as persoas con dano cerebral, xa que unha das consecuencias desta discapacidade é o illamento social, así como as dificultades comunicativas.

FEGADACE tamén salienta que “as portas da Fundación están sempre abertas á colaboración co colectivo do dano cerebral”, subliñando especialmente a devandita Xornada, así como outra actividades de sensibilización que teñen lugar na súa sede.

O acto de entrega: 23 de outubro en Compostela

A presidenta da Fundación, Felipa Jove, vai recoller o premio en Compostela este venres, 23 de outubro, nun acto de dimensións moi reducidas para un estrito cumprimento das formas de prevención de contaxios por COVID-19. Vai ter lugar a partir das 17:00 no Salón de Graos da Facultade de Medicina e está aberto á toma de imaxes. FEGADACE agradece a previa comunicación de asistencia para a ordenación do aforo.

Felipa Jove recibirá o premio das mans de Pedro Diz, director da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade que ostenta a condecoración de 2019.

Actualización 21 de outubro

FEGADACE lamenta comunicar que, debido ás especiais restricións que afectan a Santiago, onde se pensaba celebrar o acto, por causa da COVID19, suspendeuse a entrega do Premio FEGADACE-Miguel Blanco.

A cambio, haberá unha sorpresiña na semana do Día do Dano Cerebral...

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)