Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 04/11/2020 | Estudo sobre o impacto do coidado na saúde das coidaroras

Case 300 coidadoras participan nun estudo sobre o impacto dese labor na súa saúde

O 5 de novembro conmemórase o Día Internacional das Persoas Coidadoras.

05/11/2020 | Galicia

Múltiples investigacións sociolóxicas e a experiencia directa das asociacións de dano cerebral agrupadas na FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) demostran a desigualdade de xénero imperante no desenvolvemento do labor de coidados informais -é dicir, aqueles que se prestan na casa, a nivel familiar, perante a falta de recursos de atención sociosanitaria. Sábese que son mulleres quen coida a máis do 75% das persoas con discapacidade, e que máis do 50% sofren trastornos como ansiedade, depresión ou insomnio, ademais doutras consecuencias a nivel físico.

FEGADACE desenvolve desde o inicio de 2020 un estudo co obxectivo de verificar -ou, no seu caso, matizar- estas afirmacións dentro do ámbito do coidado a persoas con dano cerebral adquirido. A investigación pretende determinar o impacto que o coidado informal ten sobre a saúde e a calidade de vida das persoas coidadoras de persoas con dano cerebral, analizando a desigualdade de xénero existente.

Rematada, en outubro, a fase de traballo de campo, e con motivo do Día Internacional da Persoa Coidadora, que se conmemora o 5 de novembro, FEGADACE salienta que case 300 persoas coidadoras de usuarios e usuarias das súas asociacións participaron neste estudo. Fixérono respondendo a unha ampla enquisa a través da que se analizará o seu perfil socioeconómico, as tarefas concretas que desenvolve, as repercusións sobre a súa saúde e estilo de vida, e as necesidades de apoio -tanto material como emocional-, descanso, información, tratamento e coidado; e cruzando sempre estes datos coa variable do xénero.

Aínda que as persoas coidadoras forman parte das asociacións ADACECO, da Coruña, ADACE, de Lugo, Alento, de Vigo, Renacer, de Ourense, e Sarela, de Santiago, tamén indicarán se residen nunha área urbana ou rural; que repercusións tivo a asunción do labor de coidados na súa traxectoria profesional; ou ata onde se resinte a economía familiar eses cambios a nivel laboral.

FEGADACE encargou a realización do estudo, titulado ‘Saúde e calidade de vida das persoas coidadoras de persoas con dano cerebral’, á consultora Retnova. A Federación conta, neste proxecto, co apoio da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta.

E despois que?

A información obtida -que se presentará publicamente antes de que remate o ano- servirá para coñecer mellor ás persoas coidadoras de persoas con dano cerebral e á base social das asociacións de FEGADACE, pero pretende non quedar só aí.

FEGADACE e as súas asociacións queren empregar a información obtida para deseñar e planificar intervencións de apoio biopsicosocial para as persoas coidadoras das súas persoas usuarias. Tamén sintetizar as conclusións para realizar accións de incidencia dirixidas á Administración pública para demandar respostas a situacións concretas e cuantificadas grazas ao estudo.

Día Internacional das Persoas Coidadoras

A Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía colocou no calendario, o día 5 de novembro, a conmemoración dun recoñecemento fundamental para un colectivo de persoas que traballa as 24 horas dos 365 días do ano: o Día Internacional da Persoa Coidadora.

Trátase de homenaxear e de chamar a atención sobre a situación de estrés e sobrecarga na que viven as persoas coidadoras debido á responsabilidade de exercer esta función durante todo o día e toda noite durante cada xornada da súa vida.

Desde as asociacións de dano cerebral quérese, ademais, recoñecer o fundamental do seu papel á hora de garantir o benestar e autonomía das persoas con esta discapacidade.

Os centros de día a diario, ou as actividades puntuais como os respiros familiares ou as sesións de grupo, son parte dos mecanismos que despregan as asociacións de FEGADACE para contribuír a descargar unha parte do traballo das súas persoas coidadoras. Agárdase que coas conclusións do estudo sexa posible deseñar novas accións que doten de verdadeiro contido a máxima de que hai que “coidar a quen coida”.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)