Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Fragmento da portada da Guía para familiares de FEGADACE

FEGADACE levou información sobre o dano cerebral aos servizos sociais de 17 concellos

Cando a situación sanitaria o permita organizaranse charlas e outras actividades abertas á veciñanza.

16/12/2020 | Galicia

Informar sobre o dano cerebral, as súas causas e consecuencias, trasladar o modelo de atención e servizos das asociacións e axudar a identificar a nivel local ás familias e persoas nesta situación para poder poñelas en contacto cos recursos que precisan son os obxectivos da rolda de reunións que FEGADACE mantivo cos servizos sociais de ata 18 concellos por toda Galicia.

Estes encontros mantivéronse durante os meses de novembro e decembro e neles a Federación entregou aos servizos sociais diferente material informativo e de sensibilización para que os traballadores e traballadoras sociais municipais -e tamén dos centros de saúde que dispoñen deste servizo- poidan orientar ás familias e persoas con dano cerebral. Fíxose especial énfase nos contidos e distribución da guía Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital.

Ademais, todas as localidades visitadas manifestaron interese en organizar, en canto a situación sanitaria o permita, diferentes actividades de formación e información dirixidos a colectivos como os e as auxiliares de axuda no fogar, o alumnado de escolas e insitutos, as familias de persoas usuarias dos centros de día e/ou outros recursos dispoñibles no concello, etc.

En concreto, FEGADACE realizou visitas aos concellos de Pontedeume, As Pontes, Soutomaior, Sober, Sarria, Salceda de Caselas, Salvaterra, Vilalba, Guitiriz, Cospeito, O Grove, Bueu, Camariñas, O Saviñao, Chantada, Verín e A Cañiza (as dúas últimas terán lugar o 18 de decembro). A maiores, realizáronse envíos de material informativo a concellos que, por extremar as precaucións, preferiron non manter reunións polo momento: Betanzos, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Mugardos, A Capela, Mos e Ribadeo.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)