Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Vacina contra a COVID-19

Continuamos reclamando a vacinación das persoas con dano cerebral e coidadoras

Completada a inmunización do persoal dos centros de día e das residencias.

18/03/2021 | Galicia

FEGADACE denunciaba, a finais de febreiro, que parte dos equipos profesionais das súas asociacións aínda non fora vacinada, a pesar da súa inclusión como grupo prioritario no plan do Servizo Galego de Saúde. Pasadas tres semanas, o proceso de inmunización rematou e todas as traballadoras e traballadores das asociacións de FEGADACE están xa vacinadas. Tamén o están -xa no momento da queixa- todas as persoas usuarias e traballadoras da residencia de Alento.

As entidades do CERMI Galicia, por separado e a través desta plataforma, ampliaron a demanda de FEGADACE reclamando á Xunta de Galicia que se inclúa á discapacidade no Plan Galego de Vacinación. Ademais, dúas das asociacións de dano cerebral, Sarela e Alento, levan un pouco máis alá a reclamación chamando ao goberno a que vacine a todas as persoas con dano cerebral e tamén ás súas coidadoras e coidadores. Sarela foi máis contundente e realizou unha protesta diaria ás portas do seu centro durante unha semana, que finalizou o pasado día 12 de marzo.

FEGADACE fai súa a inquedanza das entidades de dano cerebral e chama á Xunta de Galicia a que inclúa como colectivos prioritarios dentro do Plan de Vacinación:
 
  • Ás persoas con dano cerebral. Todas elas, sen ter en conta o seu grao de dependencia (agora mesmo só se está vacinando ás persoas dependentes grao III), incluíndo tamén as que non teñen a dependencia recoñecida. Este colectivo presenta unha gran vulnerabilidade fronte á COVID-19 pola variedade das súas secuelas e pola presenza de pluripatoloxías asociadas ás mesmas. O seu risco de contaxios está a provocar ademais outros efectos secundarios: o medo a enfermar por causa do coronavirus está a causar que moitas persoas deixen de acudir aos centros, co conseguinte deterioro que iso implica no seu mantemento de capacidades, progreso da rehabilitación, e inclusión social -o que á súa vez retroalimenta a apatía, depresión, falta de motivación, e outras secuelas comúns no dano cerebral-. Ademais, lembramos que aínda hai persoas con dependencia de grao III que continúan sen vacinar, e que permanecen á espera, por indicación do Sergas, de recibir a dose no seu domicilio.
 
  • Ás persoas coidadoras de persoas con dano cerebral. Cómpre ter en conta, como se fixo, ás persoas coidadoras formais, nos centros, pero tamén ás coidadoras informais, nas casas. É o único xeito de facer que as persoas con dano cerebral se manteñan sempre en espazos seguros, tanto nos centros como nos seus fogares.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)