Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© ACIS / FEGADACE | 15/04/2021 | A traballadora social de FEGADACE fala de dereitos dos e das pacientes con dano cerebral

Cales son os meus dereitos como paciente con dano cerebral adquirido?

Este 18 de abril, Día Europeo dos Dereitos das Pacientes, estreamos colaboración coa Escola Galega de Saúde.

18/04/2021 | Galicia

O dano cerebral é unha discapacidade adquirida, na maioría dos casos, por un ictus, pero tamén por un traumatismo, tumor, anoxia, outras doenzas... En definitiva, por un motivo de saúde que coloca á persoa na situación de paciente do sistema sanitario, especialmente nos primeiros momentos, na chamada fase aguda.

Nesa etapa, pero tamén nas posteriores, xorden dúbidas: "A que teño dereito como paciente con dano cerebral?", "Podo acceder á rehabilitación?", "Que axudas me correspoden?", "Que son os recoñecementos da discapacidade e da dependencia?", "Como se presenta unha reclamación?"... A estas e outras preguntas responde a traballadora social de FEGADACE, Carla Miranda, no vídeo que elaboramos en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e que estreamos hoxe, 18 de abril, Día Europeo dos Dereitos das/os Pacientes.

Unha recompilación de preguntas, e tamén de respostas, elaborada en colaboración con ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, as cinco asociacións de FEGADACE, que se basearon na súa experiencia diaria coas familias para identificar aquelas dúbidas máis habituais e respondelas de maneira sinxela e clara.

Con este vídeo, a Federación e a Escola -que forma parte da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), dependente á súa vez do Sergas- inician unha colaboración que nutrirá a sección 'Foro: O experto responde' con cinco vídeos relacionados coa prevención, atención e dereitos das persoas e familias con dano cerebral. O primeiro sae á luz con motivo do Día Europeo dos Dereitos das/os Pacientes, para falar en concreto dos dereitos dos/as pacientes con dano cerebral.

Día Europeo dos Dereitos das/os Pacientes

Este ano fanse 15 anos da primeira conmemoración do Día Europeo dos Dereitos das/os Pacientes. Esta efeméride foi decretada grazas á iniciativa da Rede de Cidadanía Activa (Active Citizenship Network), que logrou que o Parlamento Europeo incluíra o 18 de abril como parte do seu calendario oficial en 2007.

Antes, no 2002, a Rede promulgara os catorce dereitos que deben ter as e os pacientes en toda Europa, a través da Carta dos Dereitos dos/as Pacientes.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)