Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 19/05/2021 | Reunión de FEGADACE coa Fundación Esplai

O proxecto Stop Fenda Dixital vai formar ás persoas e familias con dano cerebral

FEGADACE e asociacións colaboran coa Fundación Esplai na mellora das súas competencias tecnolóxicas.

19/05/2021 | Galicia

FEGADACE e as súas asociacións mantiveron esta mañá unha reunión coa Fundación Esplai para perfilar os contidos da formación que esta última entidade vai impartir ás persoas e familias con dano cerebral no marco do programa Stop Fenda Dixital.

Stop Fenda Dixital é unha iniciativa do movemento asociativo do dano cerebral para mellorar as competencias de toda a súa base social no uso das novas tecnoloxías. Se a fenda dixital era unha realidade nas asociacións de dano cerebral, a pandemia e todas as medidas de illamento social despregadas para o seu control puxeron de manifesto a urxencia de actuar para reducir o desequilibrio e facilitar o acceso a todo tipo de ferramentas dixitais.

Así, o programa deseñado por FEGADACE e as súas asociacións inclúe dúas liñas de actuación. Por unha banda, a creación de Bancos de Préstamo de Recursos Dixitais en cada asociación, e doazón de dispositivos ás familias en situación de emerxencia social. Desde xeito elimínase a primeira barreira, que é o acceso aos dispositivos e ferramentas. Por outra banda, está prevista a realización dun itinerario formativo no que as asociacións traballaron hoxe en colaboración coa Fundación Esplai. Esta consultora foi seleccionada trala realización dun proceso aberto de selección entre marzo e abril.

Na xuntanza online mantida con Esplai escolléronse os contidos, definiuse o perfil das persoas que van asistir á formación e determinouse un calendario de traballo no que cada entidade seleccionará as datas exactas nas que acollerá a formación. Esta vai ser presencial, para facilitar a participación e a propia adquisición de coñecementos, en cada unha das asociacións. Os contidos van desde o manexo de aplicacións de mensaxería e videoconferencia ao coñecemento dos dispositivos smartphone ou o uso seguro das redes sociais.
 
Stop Fenda Dixital é un dos dez programas que FEGADACE desenvolve grazas ás persoas contribuíntes que marcan a X Solidaria. Conta co financiamento dos fondos procedentes do 0,7% do IRPF que xestiona a Consellería de Política Social.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)