Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Proceso de investigación da Monetización do Valor Social 2020 de FEGADACE

Constituído o grupo de traballo que elaborará a contabilidade social de 2020

FEGADACE e as súas asociacións realizan unha medición do seu impacto a través da Monetización do Valor Social.

08/06/2021 | Galicia

FEGADACE e as súas asociacións veñen de constituír o grupo de traballo que elaborará a contabilidade social do conxunto do movemento asociativo correspondente ao ano 2020. A Federación estreouse coa contabilidade social en 2019, cando implantou a metodoloxía de Monetización do Valor Social para cuantificar o impacto das accións realizadas en 2018.

A Monetización do Valor Social é unha metodoloxía que se basea na contabilidade tradicional pero que tamén ten en conta a percepción e a avaliación dos grupos de persoas que se relacionan con FEGADACE para cuantificar o impacto económico real que teñen as súas accións. É dicir, que valor lle dan persoas usuarias, profesionais, familias, provedores, colaboradores, e outros axentes, a cada euro investido nos programas e accións da Federación.

Esta iniciativa púxose en práctica por primeira vez hai dous anos coa colaboración de GEAccounting, o grupo promotor desta metodoloxía de contabilidade (do que forma parte FEGADACE) inicialmente desenvolvida por un grupo docente da Universidade de Deusto. O resultado foi que FEGADACE xera un retorno social de case 6 euros por cada euro investido.

A Federación vai estar acompañada polo mesmo equipo asesor para elaborar a contabilidade social de 2020. Desenvolverase con ese apoio e co labor do grupo de traballo que acaba de constituírse, e que compoñen o responsable de proxectos e administración de FEGADACE e as persoas responsables de xestión económica e/ou direccións das cinco asociacións de dano cerebral.

Neste momento están a analizar as variables de valor, é dicir, as accións e tarefas desenvolvidas e os prezos de mercado asociados ás mesmas. Esta información unirase á dos grupos de interese indentificados para a continuación monetizar -é dicir, dar valor- a esas accións e tarefas. Por último realizarase un cálculo que comparará os valores de mercado cos percibidos e os compartidos para así ter como resultado final o importe real do impacto da actividade de FEGADACE.

Arquivada en:
Transparencia > Rendición de contas
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)