Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | | Curso 'A familia no novo réxime da discapacidade'

Asistimos ao curso de verán da USC 'A familia no novo réxime da discapacidade'

Hoxe intervirá Sarela nun obradoiro sobre o impacto da reforma legal nas organizacións da sociedade civil.

20/07/2021 | Santiago

A aprobación da Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, é o punto de partida do curso de verán 'A familia no novo réxime de discapacidade', que se está a desenvolver estes días en Santiago.

A directora e a traballadora social de FEGADACE asisten á actividade formativa que organiza a Universidade de Santiago de Compostela na súa Facultade de Dereito os días 19, 20 e 21 de xullo.

O curso de verán analiza a reforma xurídica, que adaptou a lexislación civil española ao marco de dereitos da Convención de Discapacidade da ONU, e que elimina as figuras da tutela, a patria potestade prorrogada e a patria potestade rehabilitada para substituílas por un sistema de apoios.

Na tarde de hoxe, desde as 18:00, está prevista a intervención de Rocío García Calvo, psicóloga-neuropsicóloga e directora de Sarela, nun obradoiro sobre 'O impacto da reforma nas organizacións da sociedade civil'. Estes obradoiros complementan as visións impartidas en conferencias e mesas redondas desde o punto de vista do dereito, achegando a perspectiva de entidades como Sarela, Down Galicia, FEAFES, FAPXG, Cogami, ASPRONAGA e Afaco.
 
 
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación interna
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)