Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 02/08/2021 | Luciano Fernández, na inauguración da exposición 'Punto e seguido' no CHUS

Un 'Punto e seguido' na colaboración entre o Sergas e as asociacións de dano cerebral

FEGADACE, Sarela e a Área Sanitaria de Santiago inauguraron hoxe a exposición fotográfica.

02/08/2021 | Santiago

Un “punto e seguido” na relación que une ao Sergas e a FEGADACE. Así foi como definiu o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Manuel Flores, a organización da exposición que leva ese mesmo nome no Hospital Clínico de Santiago. A mostra fotográfica vai permanecer no hall do centro hospitalario durante todo o mes de agosto e pódese visitar sen restricións horarias.
 
O xerente do Sergas subliñou o interese da colaboración coas asociacións a través do Consello Asesor de Pacientes, e referiuse en concreto ao dano cerebral adquirido para salientar a necesidade de prevención, mencionando especialmente a identificación dos síntomas de alarma, tal e como recolle o Plan Ictus.
 
Tamén se referiu á importancia da colaboración coas asociacións Eloína Núñez, xerente da Área Sanitaria de Santiago, destacando que van por diante da administración á hora de identificar as necesidades dos e das pacientes.
Abriron o acto os presidentes de FEGADACE, Luciano Fernández, e de Sarela, José Balboa, as dúas entidades organizadoras da mostra. Ambos coincidiron cos representantes institucionais na necesidade de continuar colaborando coa administración sanitaria en dúas liñas fundamentais: a prevención do dano cerebral, especialmente do ictus, e a extensión da atención ás familias que xa están implicadas nesta situación.
 
A vida trala chegada do dano cerebral adquirido
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)