Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 23/10/2021 | Cartel do Día do Dano Cerebral 2021

26 de outubro, Día do Dano Cerebral: reclamamos rehabilitación especializada

Lectura online do manifesto o martes ás 12:00; acto con Ride For Stroke en Compostela o venres 29, Día do Ictus.

23/10/2021 | Galicia

Este martes 26 de outubro celébrase, como cada ano desde que en 2007 decretara o Consello de Ministros, o Día Nacional do Dano Cerebral. Con motivo desta data, o movemento asociativo do dano cerebral quere expoñer a necesidade de que as 35.000 persoas con dano cerebral que hai en Galicia (case medio millón en toda España) poidan acceder a unha rehabilitación especializada; independentemente da súa localidade de residencia, idade, secuelas ou capacidade económica.

A neurorrehabilitación é fundamental para que as persoas con dano cerebral poidan recuperar a súa antiga normalidade nas mellores condicións posibles. Con todo, moitas persoas con dano cerebral non poden acudir ben sexa por non poder pagala, ben porque non hai ningún recurso de atención preto da súa localidade, ou por falta de información sobre as secuelas e sobre a necesidade de rehabilitación especializada.

Por iso, as entidades que formamos parte da Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) reclamamos unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral que garanta a máxima calidade de vida posible a cada persoa con esta discapacidade, así como un censo de persoas con Dano Cerebral que axude a dimensionar os recursos precisos para a rehabilitación e inclusión social deste colectivo.

Todas estas reivindicacións están recollidas e desenvolvidas no manifesto que faremos público o vindeiro 26 de outubro ás 12:00 hh. FEGADACE publicará a través da súa páxina web, canle de Youtube e redes sociais unha lectura do manifesto realizada por cinco persoas con dano cerebral adquirido, pertencentes ás cinco asociacións federadas: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela.
 
Ademais, e desde xa, convidamos a subir unha foto a redes sociais facendo o xesto do Día do Dano Cerebral acompañada das etiquetas #DiaDanoCerebral #DíaDañoCerebral.

Actos conmemorativos

As asociacións membro de FEGADACE organizan diferentes actividades de conmemoración, que nalgúns casos van recuperando a presencialidade.
 
ADACECO vai organizar un acto de lectura do Manifesto do Día do Dano Cerebral. Será ás 12:00 na Praza de María Pita (A Coruña).

ADACE Lugo vai facer unha 'Semana de conexións co DCA' na que cada día, do 25 ao 29 de outubro, van facer unha conexión online con "xente influínte, coñecida ou admirada" para achegarlles o dano cerebral a elas e tamén ao conxunto da sociedade.

Alento organiza unha Xornada de Portas Abertas no seu centro, en Vigo, que inclúe a lectura aberta do manifesto do Día do Dano Cerebral. Será o martes a partir das 12:00.

Ademais, o día 28 de outubro acompañarán a FEGADACE na Charla sobre o Dano Cerebral que a traballadora social da Federación vai impartir en Cangas -ás 18:00-, onde tamén se pode visitar a exposición Punto e seguido ata o 2 de novembro.

Alento tamén organiza unha actividade con Discamino o Día do Ictus. Será en Vigo entre as 10:00 e as 12:00.
 
A asociación Renacer, de Ourense, vai colocar unha mesa informativa no hospital Cristal Piñor. Poderá visitarse de 10:00 a 15:00, e ás 12:00 haberá unha lectura do manifesto.

Pola súa banda, Sarela, a asociación compostelá, organiza un ciclo de charlas nos concellos da súa área sanitaria que inclúe citas en Mazaricos (24, 25 e 27 de outubro), Ames (día 27) e Arzúa (día 29).

Colocarán mesas informativas, o Día do Dano Cerebral, no Hospital Clínico de Santiago (10:00 a 13:00), no Hospital da Barbanza (10:30 a 12:30) e nos centros de saúde da Estrada, Arzúa, Mazaricos e Lalín (10:30 a 12:30). Repiten no Hospital Clínico de Santiago (10:00 a 13:00) o venres, polo Día do Ictus.

Ademais, Sarela organiza unha Andaina desde a Alameda ata a Praza do Obradoiro, onde se dará lectura ao manifesto do Día do Dano Cerebral. A cita é o 26 ás 11:00 a carón da estatua das Marías.

Estas actividades están complementadas co alumeado de edificios públicos en azul, a cor do dano cerebral Na noite do día 26 iluminaranse a fachada da Casa do Concello de Santiago, a sede de Xunta de Galicia en San Caetano e as Torres Hejduk na Cidade da Cultura. Tamén se sumarán a este acto simbólico concellos da área sanitaria de Santiago-Barbanza como Ames ou Silleda. Na Coruña tamén está previsto que se alumee a Torre de Hércules e outros edificios emblemáticos.

29 de outubro, Día Mundial do Ictus

A semana conmemorativa remata o venres, día 29, Día Mundial do Ictus. Esta doenza é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos, polo que se trata dunha data de enorme relevancia para FEGADACE e as súas asociacións.

Conmemoramos o Día do Ictus cun acto de benvida na compostelá Praza do Obradoiro ao peregrino Chistian Salamin, que está a percorrer o Camiño de Santiago desde Noruega para sensibilizar sobre o ictus, unha doenza que el mesmo tivo, e para recadar fondos para a asociación suíza de dano cerebral Fragile Valais, da que el mesmo forma parte -e que pertence en última instancia, ao igual que FEGADACE, á BIF (Federación Europea de Dano Cerebral)-. O lema da súa peregrinación é Ride For Stroke, Corre polo Ictus.

O acto de benvida vai ser o venres 29 ás 14:00 hh.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)