Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© SOGARMEF | | SOGARMEF

SOGARMEF recibirá o 9º Premio FEGADACE - Miguel Blanco na Xornada sobre o DCA

A Federación recoñece o papel da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación na defensa do colectivo.

28/10/2021 | Santiago

A Xornada sobre o Dano Cerebral, que terá lugar o 13 de novembro en Santiago, vai ser o escenario do acto de entrega do 9º Premio FEGADACE - Miguel Blanco. FEGADACE recoñece, este 2021, o labor da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF) na defensa e mellora da calidade de vida do colectivo do dano cerebral, argumentando como segue:
 
"A SOGARMEF, como sociedade científica, de carácter profesional e implantación na comunidade autónoma de Galicia, é un axente social colaborador do movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia, consolidándose no ano 2020 como unha aliada chave na persecución dos obxectivos principais de FEGADACE, as entidades membro, e as persoas e familias con dano cerebral galegas. Concretamente, contribuíu e contribúe de maneira vital a: (i) propiciar a mellor información e formación das profesionais implicadas na atención ao dano cerebral (publicación sistemática de información de FEGADACE e dano cerebral nos seus medios propios); (ii) desenvolver actividades relacionadas coa divulgación do coñecemento sobre os aspecto médicos, sanitarios o sociais do dano cerebral adquirido (xornadas científicas); contribuír á incidencia política e reivindicación social para a defensa dos dereitos das persoas con cerebral e as súas familias (apoio fundamental no impulso e posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado de dano cerebral en Galicia)."
O acto de entrega terá lugar ás 13:15, no marco da devandita Xornada. A SOGARMEF fai estar representada polos doutores Jacobo Formigo e Jesús Figueroa. Recibirán o galardón das mans de Belén Rey, a persoa representante da Fundación María José Jove, premiada en 2020.
 
Xornada sobre o Dano Cerebral
 
A Xornada sobre o Dano Cerebral leva por título 'O impacto nas persoas e familias con dano cerebral adquirido da reforma lexislativa que modifica a capacidade de xurídica e de obrar das persoas con discapacidade'.

A Federación reúne en Santiago de Compostela a especialistas que abordarán a modificación legal desde as perspectivas da notaría, da fiscalía, do dereito civil ou dos dereitos das persoas con discapacidade. Poderase oír tamén o caso en primeira persoa dunha familia da asociación Sarela.

Existe a posibilidade de asistir ao streaming desde a casa, e tamén presencialmente. Terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Dereito da USC (Campus Sur - Santiago de Compostela) o sábado 13 de novembro. Comeza ás 9:30 da mañá e rematará arredor das 17:00 hh.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)