Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 08/11/2021 | Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema (II)

Volve o ciclo 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema' en novembro

Lugo, Vigo e Ourense acollerán pases dos filmes 'Fálame de ti' e 'A escafandra e a bolboreta'.

19/11/2021 | Lugo | Vigo | Ourense

FEGADACE retoma este mes o ciclo 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema', no que se abordan os temas da discapacidade e da inclusión a través de dúas películas protagonizadas por dous homes que tiveron un ictus.

O escenario das proxeccións van ser as sedes de Afundación das cidades de Lugo, Vigo e Ourense, e as datas van do 23 de novembro ao 1 de decembro.

Cada pase vai estar precedido do vídeo 'O mundo púxose ao revés', elaborado por FEGADACE e o ilustrador Miguel Gallardo, e remata cunha sesión de debate sobre a relación entre a película e o tratamento que fai do dano cerebral adquirido. Nas películas seleccionadas veranse aspectos como a rehabilitación, o illamento, os cambios que produce o dano cerebral na persoa e no contorno...

Estes son os filmes seleccionados:
 

Fálame de ti (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018). 100 m. VOSE

Alain é un home de negocios respectado e un orador brillante. Na súa vida non hai lugar para o lecer ou a familia. Un día, sofre un derrame cerebral que estraga a súa brillante carreira profesional e cáusalle problemas profundos de fala e memoria. Na súa rehabilitación recibe o apoio de Jeanne, unha moza logopeda. Grazas ao arduo traballo e a paciencia, Jeanne e Alain chegarán a coñecerse e cada un, á súa maneira, tratará de reconstruírse e empezar unha nova vida.
 
Vigo * 23/11/2021 * 18:30
Lugo * 24/11/2021 * 18:30
Ourense * 01/12/2021 * 19:00
 

A escafandra e a bolboreta (Le scaphandre et le papillon. Julian Schnabel, 2007). 112 m. VOSE

En 1985 á idade de 43 anos, Jean-Dominique Bauby, carismático redactor xefe da revista francesa Elle, tivo un ictus. Saíu do coma 20 días máis tarde vítima da “síndrome de cativerio”, pola que queda totalmente paralizado, non podendo moverse, comer, falar nin respirar sen asistencia. A súa mente funciona, pero é prisioneiro do seu propio corpo, sendo só capaz de comunicarse co exterior mediante o parpadeo do seu ollo esquerdo. Forzado a adaptarse a esta única perspectiva, Baudy crea un novo mundo a partir das únicas dúas cousas sen paralizar: a súa imaxinación e a súa memoria.
 
Vigo * 30/11/2021 * 18:30
Lugo * 01/12/2021 * 18:30
Ourense * 24/11/2021 * 19:00
 

O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido (Miguel Gallardo & FEGADACE, 2019). 1,47 m. VO

A Federación Galega de Dano Cerebral e o ilustrador Miguel Gallardo xúntanse para elaborar unha peza audiovisual na que se poñen en relación as causas do dano cerebral adquirido coas súas consecuencias ou secuelas.
 
Proxeccións ao inicio de todas as sesións.
 
Os espazos nos que se desenvolverán as proxeccións son todos de Afundación: en Vigo, a Sala de Conferencias Afundación (Rúa Policarpo Sanz, 26); en Lugo, o Auditorio Sede Afundación (Praza Maior, 16); e en Ourense a Sala de Conferencias Afundación (Av. de Pontevedra, 9).

A entrada é gratuíta pero cómpre inscribirse enviando un correo electrónico a fegadace@fegadace.org.

O ciclo está organizado por FEGADACE coa colaboración de ADACE Lugo, Alento e Renacer, e conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
 
Consulta aquí a información e programa da primeira edición: Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema (I)

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)