Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 31/01/2022 | Segunda edición do curso online para Servizos de Axuda no Fogar

FEGADACE lanza o segundo curso online para persoal dos Servizos de Axuda no Fogar

O alumnado procede da lista de agarda da primeira edición da acción formativa, que finalizou en decembro.

31/01/2022 | Online

A Escola Dano Cerebral de FEGADACE vai continuar implantándose en 2022 trala súa estrea, a finais do ano pasado, co curso 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido'. A Federación ten previsto dotar a sua plataforma formativa online de novas edicións desta acción formativa, así como organizar novas propostas de aprendizaxe relacionadas co dano cerebral adquirido.

'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido' diríxese sobre todo a coidadores e coidadoras formais, co obxectivo de capacitalas e de incrementar a súa especialización na nosa discapacidade.

O éxito da primeira convocatoria obrigou a crear unha lista de agarda de persoas interesadas, que son as que están a ser convocadas agora, para a segunda edición do curso. Este vai dar comezo o 8 de febreiro e permanecerá aberto ata o 13 de marzo.

'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido' trata aspectos como a propia identificación do dano cerebral, e pautas e recomendacións sobre comunicación, alteracións cognitivas e condutuais, cambios posturais, alimentación, intimidade, hixiene ou tempo libre.

Está formulado de xeito teórico - práctico, con nove temas que contan con avaliacións intermedias e cadanseu test final, así como un exercicio baseado nun caso ficticio que se vai debatendo a través dos foros.

Nas vindeiras edicións do curso abrirase a convocatoria pública para que as persoas interesadas que así o desexen poidan solicitar a súa praza.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)