Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Renacer | 11/02/2022 | Actividade para o benestar físico en Renacer

Dez programas para as persoas e familias con dano cerebral grazas á X Solidaria

ADACECO, Adace Lugo, Alento, Renacer, Sarela e FEGADACE potenciaremos benestar, autonomía...

11/02/2022 | Galicia

FEGADACE e as súas cinco asociacións poderán desenvolver, ao longo de 2022, dez programas que van desde o benestar físico e emocional ata a execución de obras, pasando pola redución da fenda dixital, grazas ás persoas contribuíntes que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Estes dez programas son o resultado da candidatura da Federación á convocatoria da Consellería de Política Social que distribúe os fondos recadados a través do IRPF das persoas que marcan o cadro de fins sociais, é dicir, que deciden destinar a proxectos solidarios o 0,7% dos seus ingresos.

FEGADACE e as súas asociacións van abordar en 2022 proxectos de continuidade, destinados á atención do colectivo de persoas e familias con dano cerebral, e tamén proxectos de execución máis puntual, como as obras nos centros, ou máis innovadora, como os destinados a reducir a fenda dixital. O orzamento total destes programas é de 584.706,05 euros.

Eis a relación completa de proxectos para o dano cerebral en 2022:
 
  • Benestar físico e emocional
  • Desenvolvemento persoal
  • Relacións interpersoais
  • Benestar material
  • Benestar emocional
  • Mobilidade e transporte adaptado (para a prestación deste servizo a algunhas das persoas usuarias dos centros de atención ao dano cerebral)
  • Execución de obras (para contribuír á dotación de dispositivos de atención ao dano cerebral nas áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol)
  • Adquisición de equipamento (desde material terapéutico a outros aspectos máis estruturais ou loxísticos)
  • Dano cerebral adquirido: promove, entende, actúa (executado integramente por FEGADACE, este programa ten como obxectivos informar e sensibilizar á sociedade galega con respecto á prevención e a abordaxe do dano cerebral a través de actividades como charlas, a exposición Punto e seguido, unha carreira solidaria, e moito máis)
  • Stop Fenda Dixital (iniciado en 2021, este programa está concibido para capacitar ás persoas e familias con dano cerebral no uso de dispositivos TIC para a realización de trámites online e a cobertura doutras necesidades de solución tecnolóxica)

Arquivada en:
Transparencia > Financiadores
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)