Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Plataforma de Organizacións de Pacientes | | Campaña 'Vidas aprazadas' da POP

'Vidas aprazadas' denuncia o impacto da pandemia nas persoas pacientes crónicas

Campaña da Plataforma de Organizacións de Pacientes, na que participamos a través da FEDACE.

23/02/2022

A Plataforma de Organizacións de Pacientes (POP) presenta a campaña 'Vidas Aprazadas' coa que quere poñer de manifesto que as vidas de miles de persoas víronse postergadas pola crise sanitaria e que “é necesario que se retome e axilice a atención ás persoas con enfermidade crónica ou á espera dun diagnóstico”, tal e como afirma Carina Escobar, presidenta da POP.

Segundo a enquisa 'Estudo do Impacto da Covid-19 nas persoas con enfermidade crónica', realizada desde a POP, o 69% dos pacientes sufriu a cancelación das consultas que tiña programadas e o 41,4% a suspensión ou aprazamento da súa rehabilitación, coas consecuentes repercusións no seu estado de saúde. “A interrupción e o atraso da atención aos pacientes crónicos afecta o seu benestar e non lles permite continuar co seu día a día; en definitiva, apraza as súas vidas. É necesario que se tomen medidas que eviten máis demoras na asistencia sanitaria”, apunta Escobar.

As restricións de acceso aos centros de Atención Primaria, a cancelación e atraso de moitos dos tratamentos e terapias, agravaron as condicións de saúde das persoas que xa convivían cunha enfermidade. Desde o inicio da pandemia, o 42,8% dos pacientes manifestaron agravamento das súas enfermidades crónicas ou experimentou novos síntomas (11,7%).

Tempo de diagnóstico

Do citado estudo despréndese tamén que o tempo medio transcorrido desde a consulta co médico ata a realización de probas diagnósticas foi de 62 días, cun valor máximo de 480 días. “Estes datos son un claro exemplo de que a atención das persoas con enfermidades crónicas debe ser unha prioridade”, subliña a presidenta. Por iso, coa campaña 'Vidas Aprazadas' desde a Plataforma de Organizacións de Pacientes queren lograr que o espectador se poña na pel de quen vive esta situación cada día.

A pandemia incrementou o proceso de illamento social que sofren moitos pacientes crónicos, especialmente as persoas maiores. Así, o 57% dos pacientes crónicos manifestan sentir moita ansiedade ou medo fronte ao 18% da poboación xeral. Doutra banda, o 58% declara sentirse moi triste ou deprimido, fronte ao 22% da poboación.

“Con 'Vidas Aprazadas' quérese mostrar que aínda queda moito por facer ata recuperar a atención sanitaria anterior á pandemia”, destaca Carina Escobar. Tal e como sinalan desde a POP, o 29,7% dos pacientes tivo problemas para realizar actividades da vida diaria como lavarse ou vestirse, o que demostra que esta crise sanitaria retardou as terapias que favorecen a autonomía persoal.

“É un feito que, desde o inicio da pandemia da Covid-19 ata a actualidade, case a metade dos pacientes experimentaron un cambio negativo na súa saúde”, engade Escobar, “por iso, demandamos retomar a atención sanitaria primaria e hospitalaria para evitar que haxa máis vidas 'en espera' como consecuencia das demoras e retardo da asistencia”. Para a presidenta da POP, tamén “urxe eliminar as trabas administrativas e de acceso ao sistema sanitario, así como que se doten dos recursos necesarios para garantir o acceso aos tratamentos, tendo en conta as limitacións de mobilidade e o contexto social das persoas con enfermidade crónica”.

Na faceta de pacientes crónicos que comparten moitas das persoas con dano cerebral, esta é unha situación que lles está a afectar totalmente. Demoras nas consultas, na rehabilitación e, en definitiva, retroceso a nivel de saúde e de capacidades.

FEGADACE e as asociacións galegas de dano cerebral forman parte da POP a través da FEDACE e fan súas as demandas formuladas na campaña 'Vidas aprazadas'.
 

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)