Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 28/03/2022 | FEGADACE participa na Mesa Comunitaria do Plan Obesidade Zero en Galicia

Participamos na mesa de traballo comunitaria do Plan Obesidade Zero Galicia

FEGADACE colaborou na revisión da proposta realizada polo Sergas para a prevención do sobrepeso.

28/03/2022

A directora de FEGADACE participou, o pasado 25 de marzo, nunha Mesa de Traballo Comunitaria con outras entidades do tecido social e representantes do Sergas para avaliar e comentar o Plan Obesidade Zero en Galicia. Trátase dun plan de acción elaborado pola Consellería de Sanidade para frear a obesidade e o sobrepeso, nunha comunidade na que aproximadamente, 849.000 persoas adultas teñen sobrepeso -o 39,2 % da poboación-, e en torno a 357.200 galegos e galegas presentan obesidade.
 
O sobrepeso e a obesidade forman parte dos factores de risco do ictus, que é a principal causa do dano cerebral adquirido. Por iso a execución deste plan é de vital importancia para FEGADACE, xa que, na medida en que se cumpran os seus obxectivos, axudarase a frear a incidencia do dano cerebral.
 
O obxectivo do plan é asegurar que todas as persoas teñan aceso ao coñecemento sobre hábitos de vida saudables, a unha oferta de produtos saudables accesibles e de calidade, e un medio que permita reducir o sobrepeso, evitar a obesidade e mellorar a saúde individual e comunitaria.
 
A Mesa de Traballo convocada polo Sergas contou coa participación de FEGADACE e doutras entidades sociais para avaliar o borrador do Plan e realizar achegas relacionadas coa súa formulación, previsións e execución.
 
A seguinte fase, a desenvolver polo Sergas, será xerar o documento definitivo. Nese momento, as entidades sociais poderán incorporarse ás diferentes liñas de traballo propostas.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Factores de risco do ictus
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)