Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© INE | | EDAD 2020

Galicia é a autonomía con maior taxa de discapacidade: 116,5 de cada mil habitantes

O INE publicou os resultados da EDAD 2020, que sinalan que hai 4,38 millóns de persoas con discapacidade.

20/04/2022

O Instituto Nacional de Estadística publicou onte os principais resultados da Enquisa de Discapacidade, Autonomía personal e Situacións de Dependencia (EDAD) de 2020. Esta enquisa foi especialmente esperada polo colectivo da discapacidade xa que as últimas cifras dispoñibles estaban moi desactualizadas ao seren os datos de 2008.

Principais datos

Un total de 4,38 millóns de persoas residentes en fogares afirmaron ter discapacidade ou limitación no ano 2020. Por sexo, 1,81 millóns eran homes e 2,57 millóns mulleres.
A discapacidade ou limitación afectaba a 94,9 persoas por cada mil habitantes e en maior medida ás mulleres (109,2) que aos homes (80,1).
Por idade, o 75,4% do colectivo con discapacidade ou limitación residente en fogares tiña 55 ou máis anos. Tres de cada cinco destas persoas eran mulleres.

Taxas de discapacidade por comunidades e cidades autónomas

As maiores taxas de discapacidade de persoas de seis e máis anos por cada mil habitantes no ano 2020 corresponderon ás comunidades autónomas de Galicia (116,5), Canarias (115,0) e Castela-A Mancha (111,4).
Pola súa banda, as taxas máis baixas déronse en Illes Balears (79,0 por cada mil habitantes), Comunidade Foral de Navarra (79,6) e Comunidade de Madrid (80,7).

Discapacidade en persoas de seis e máis anos

O estudo das características da discapacidade centrouse na poboación de seis e máis anos, xa que para os menores o prognóstico de evolución é incerto e só se analizan as limitacións adaptadas á súa idade no grupo de dous a cinco anos.
O número de persoas de seis e máis anos con algunha discapacidade foi de 4,32 millóns en 2020, o que supón un aumento do 14,0% respecto á anterior enquisa, realizada en 2008.
Por sexo, manifestaron ter discapacidade 1,77 millóns de homes (un 17,1% máis que na anterior enquisa) e 2,55 millóns de mulleres (un 11,9% máis).
A taxa de discapacidade situouse en 81,2 por mil entre os homes e 112,0 por mil entre as mulleres (un 11,8% e un 5,4% máis que en 2008, respectivamente).
Por grupos de idade, as taxas de discapacidade foron superiores nos homes ata os 34 anos e nas mulleres a partir dos 35. A diferenza máis acusada por sexo rexistrouse a partir dos 70 anos.
O único grupo de idade no que aumentou significativamente a taxa de discapacidade respecto ao ano 2008 foi o de seis a 24 anos.
Pola contra, os maiores descensos nas taxas respecto á anterior enquisa déronse entre as persoas de 35 a 44 anos e de 70 a 74 anos.

Tipo de discapacidade

Os problemas de mobilidade situáronse como o tipo de discapacidade máis frecuente entre as persoas de seis e máis anos, cunha taxa de 54,0 por mil habitantes. Por sexo, a taxa foi superior entre as mulleres (68,5 fronte a 38,9 dos homes).
Todos os tipos de discapacidade afectaron máis ás mulleres que aos homes. As maiores diferenzas atopáronse nos problemas de mobilidade e nas dificultades de realización de tarefas domésticas, onde as taxas de prevalencia en mulleres case duplicaron as dos homes.
O 55,7% das persoas con discapacidade presentaron dificultades importantes de mobilidade, o 46,5% tiña problemas relacionados coa vida doméstica e o 31,6% co coidado persoal.
Estas porcentaxes ascenderon ao 65,1%, 64,5% e 48,5%, respectivamente, entre as persoas con discapacidade de 80 e máis anos.
Un total de 2,4 millóns de persoas indicaron ter o máximo grao de severidade nalgún tipo de discapacidade cando non reciben axudas (1,5 millóns de mulleres e 0,9 millóns de homes). As dificultades na realización das tarefas domésticas (63,1%), os problemas de mobilidade (62,7%) e o autocoidado (61,9%) presentaron maior severidade.
O número de persoas que recibían algún tipo de axuda técnica, persoal ou ambas, situouse en 3,3 millóns. As mulleres accederon proporcionalmente a máis axudas: a 78,2% fronte ao 71,8% dos homes.
Por tipo de discapacidade, as persoas con dificultades para o autocoidado e para realizar as tarefas da vida doméstica foron as que máis axuda recibiron (nove de cada 10), seguidas das persoas con dificultades de aprendizaxe (oito de cada 10).

Accesibilidade e contorna

A enquisa analiza a percepción sobre as barreiras arquitectónicas (en edificios e viarias) ou nos medios de transporte, que poden limitar o acceso aos lugares onde desenvolver unha vida social, xa sexa traballar, estudar, practicar actividades recreativas, deportes ou reunirse.
O 34,0% das persoas con discapacidade (1,4 millóns) manifestaron ter dificultade para desenvolverse con normalidade na súa vivenda ou nos accesos ou interior do seu edificio. Por sexo, as mulleres indicaron ter máis dificultade (38,0%), que os homes (28,4%).
Esta dificultade aumenta coa idade. Así, mentres que no grupo de idade de seis a 44 anos, o 18,0% dos homes e o 22,2% das mulleres con discapacidade manifestaron ter problemas para desenvolverse na vivenda ou no seu edificio, no de 80 e máis anos as porcentaxes foron do 39,6% en homes e do 48,0% en mulleres.
O principal problema residía no portal do edificio, escaleiras e garaxe, afectando a un 24,6% das persoas con discapacidade (33,4% no grupo de idade de 80 e máis anos).

Fogares, vida familiar e relacións sociais

Nun de cada cinco fogares españois (o 20,5% do total) residía polo menos unha persoa con discapacidade no ano 2020.
En máis dun millón de fogares a persoa con discapacidade vivía soa. Pola súa banda, ao redor de 270.000 fogares con máis dunha persoa tiñan todos os seus membros con algún tipo de discapacidade.
Unha de cada dúas persoas con discapacidade mantivo regularmente contacto con familiares que non residían no seu mesmo fogar (54,8%). O 25,8% afirmou velos todos ou case todos os días e o 29,0% unha ou dúas veces por semana. Estas porcentaxes foron superior en idades avanzadas (33,8% e 27,7%, respectivamente, no grupo de persoas de 80 e máis anos).
Entre as persoas con discapacidade que vivían soas, seis de cada 10 afirmaron ver con frecuencia aos seus familiares. Pola súa banda, o 21,2% indicaron velas menos dunha ou dúas veces ao mes e o 15,4% manifestaron non velas nunca.

Coidadores principais

Case a metade das persoas de seis e máis anos con discapacidade indicaron recibir coidados ou asistencia persoal. Un 24,6% recibía estes coidados soamente por persoas residentes no seu fogar, un 12,1% por persoas non residentes e nun 13,0% dos casos os coidados eran prestados por ambos.
O 63,7% destes coidadores eran mulleres, sendo os perfís máis frecuente os de muller entre 45 e 64 anos (41,0% dos casos) e homes dese mesmo grupo de idade (20,7%).
O 49,7% das persoas que recibían coidados sinalaron ser atendidos durante oito ou máis horas diarias.
Entre as persoas de seis a 44 anos que recibiron coidados, a figura do seu coidador principal foi algún dos seus proxenitores nun 69,8% dos casos (10,5% o pai e 59,3% a nai).
Para o 48,1% das persoas de 45 a 79 o coidador principal foi o cónxuxe ou parella.
Pola súa banda, para o 59,1% das persoas de 80 e máis anos o principal coidador foron os fillos (18,0% un fillo e 41,1% unha filla).
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)