Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 14/06/2022 | Cartel curso Atención no Fogar

Terceira edición do curso online para persoal dos Servizos de Axuda no Fogar

Formación online e gratuíta para a capacitación na atención específica a persoas con dano cerebral.

15/06/2022 | Online

FEGADACE abre hoxe o período de matrícula da terceira edición do curso 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido', dirixido especialmente a traballadores e traballadoras responsables da atención e coidado no domicilio de persoas con esta discapacidade.

Esta actividade formativa vaise desenvolver online a través da Escola Dano Cerebral de FEGADACE entre o 28 de xuño e o 31 de xullo de 2022. A inscrición é gratuíta, hai 75 prazas en oferta e o período de matrícula está aberto desde hoxe ata o 27 de xuño ás 23:59 hh.

Recoméndase ter coñecementos básicos de informática para facilitar o uso da plataforma de formación online.
 
MATRICÚLATE AQUÍ
 
Temario do curso

Esta actividade está dirixida principalmente ao persoal dos Servizos de Axuda no Fogar, pero tamén a traballadores e traballadoras que desde outros recursos desenvolvan a súa actividade a domicilio e atendan a persoas con dano cerebral adquirido.

O obxectivo é capacitalas nas especificidades do dano cerebral para mellorar, por unha banda, a calidade da atención a este colectivo, e, por outra banda, o seu autocoidado como coidadoras. Os aspectos específicos a tratar son os seguintes:
 
  1. Detección do dano cerebral.
  2. Pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral.
  3. Comunicación coa persoa con dano cerebral e habilidades comunicativas.
  4. Alteracións cognitivas e condutuais.
  5. Transferencias e cambios posturais.
  6. Alimentación, deglutición e medicación.
  7. Tratamento da intimidade e da privacidade.
  8. Hixiene, curas e prevención de úlceras.
  9. Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer.
 
A organización desta actividade conta co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)