Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 13/07/2022 | Luciano Fernández (esq.) e Juan José Sánchez (der.)

Cómpre apoiar á persoa con dano cerebral 'non só a nivel médico senón tamén social'

Declaracións na sinatura do acordo de colaboración que une a FEGADACE co Centro de Saúde da Estrada.

13/07/2022 | A Estrada

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) conta entre as súas prioridades coa de informar e concienciar á poboación sobre esta discapacidade, en dous sentidos: a de fomentar a súa prevención e realizar actividades de promoción da saúde, e a de sensibilizar sobre a situación das persoas e familias con dano cerebral adquirido, as súas necesidades e dereitos.
 
Para desenvolver este obxectivo, FEGADACE establece alianzas como a que asinaron esta mañá no centro de saúde da Estrada o seu coordinador, José Sánchez Castro, e o presidente da Federación, Luciano Fernández Pintor. Este subliñou a intención de FEGADACE de “asinar acordos con puntos estratéxicos de atención ás persoas con dano cerebral adquirido”.
 
Nese sentido, o coordinador do centro sinalou que estima “entre 100 e 200” as persoas con dano cerebral que están a atender, e subliñou a importancia de apoiar á persoa “non só a nivel médico senón tamén social”. De aí o interese do centro en promover as relacións con entidades como as de dano cerebral -Sarela xa está a colaborar cun  punto informativo no centro sanitario-, que contan tamén entre os seus acordos co de realizar actividades de formación para as persoas e para as familias coidadoras.
 
Sánchez quixo reforzar a importancia da información, pero tamén e sobre todo da “formación para as persoas coidadoras”.
 
A primeira acción incluída neste acordo vai ser a colocación no centro de saúde da exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ despois do verán. FEGADACE informará en setembro das datas exactas, e das vindeiras colaboracións a realizar na Estrada.
 

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Outras entidades
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)