Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 20/07/2022 | Cartel da I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral

A I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral volve o 18 de setembro

A proba deportiva de FEGADACE, aprazada en xuño, incorpora categorías escolares para correr e camiñar.

03/08/2022 | Santiago

Trala decisión de atrasar a I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral, prevista para o mes de xuño, FEGADACE decidiu recolocar esta proba deportiva en setembro e incluír máis categorías, especialmente escolares.

Así, a Federación Galega de Dano Cerebral chama a participar, o domingo 18 de setembro, a súa I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral. A cita será a partir das 10:00 na Alameda de Santiago de Compostela, e inclúe diferentes distancias e percorridos, así como prezos de inscrición, en función da categoría:

CARREIRA
 
  • Absoluta (+ 18 anos): 5 km | 10:00 | 8 euros
  • Sub 14 e sub 16 (anos de nacemento 2010/2009/2008/2007): 2,5 km | 10:45 | 4 euros
  • Sub 12 e sub 10 (anos de nacemento 2014/2013/2012/2011): 0,5 km | 11:10 | de balde
  • Sub 8 (anos de nacemento 2016/2015): 0,25 km | 11:20 | de balde
  • Chupete (anos de nacemento 2017 en diante): 0,1 km | 11:25 | de balde
 
ANDAINA
 
  • Andaina (+ 18 anos): 5 km | 11:00 | 5 euros
  • Andaina menores: 5 km | 11:00 | de balde
Inscrición aberta en Carreiras Galegas
 
Categorías e horarios

A inscrición vai permanecer aberta ata o xoves 15 de setembro ás 23:59 hh. Haberá entrega de trofeos, elaborados polas persoas con dano cerebral adqurido, para as tres primeiras clasificadas en categoría masculina e feminina absoluta, Sub 14 e Sub 16. A cerimonia vai ter lugar aproximadamente ás 10:55, antes da saída da andaina.

Todas as persoas participantes van ter un agasallo que se irá anunciando nos vindeiros días, ademais do correspondente avituallamento ao pasar por meta.

A recollida de dorsais vaise realizar na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 - Santiago de Compostela) o sábado 17 de setembro en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

De xeito excepcional, permitirase a recollida dos dorsais na secretaría da competición situada na zona de meta/saída o mesmo día da carreira, entre as 9:15 e as 9:45 horas.

O punto de saída e meta é o monumento a Manuel Ventura Figueroa (Avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur). Os percorridos exactos e demais información de utilidade están no regulamento.
 
Actividade deportiva e solidaria

FEGADACE colabora na organización coa Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o centro Encuentra tu Potencial, e conta co apoio da Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago de Compostela. Ademais, máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras.

A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e vén de realizar unha Travesía a Nado en Vilaxoán. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Educación para a saúde > Prevención do dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)