Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Aldea en Galicia

Case 200 asistentes ao ciclo de sesións informativas para mulleres rurais

Este programa de sensibilización sobre o dano cerebral é froito da colaboración de FEGADACE con FADEMUR.

27/07/2022 | Galicia

Melide, Rodeiro, Pol, Castro de Rei, Sobrado, O Grove, Santa Comba, Carracedo (Pontevedra), Santiso e Muros foron os concellos nos que FEGADACE organizou unha ducia de obradoiros informativos sobre o dano cerebral adquirido.

Este ciclo é froito do acordo asinado por FEGADACE coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), e que conta entre os seus obxectivos co de formar á poboación feminina organizada nas entidades membro desta última, así como potenciar o seu autocoidado como coidadoras e mellorar as súas capacidades na atención de persoas dependentes.
 
As asistentes: mulleres e maiores

A traballadora social de FEGADACE impartiu un ciclo de obradoiros, organizados en colaboración coas asociacións locais agrupadas en FADEMUR, aos que asistiron 192 persoas. A gran maioría foron mulleres; delas, o groso atopábase entre os 50 e 79 anos de idade (153 persoas).

Os obradoiros xiraron arredor das seguintes temáticas: 'Dano Cerebral Adquirido: causas, prevención e recursos asociativos' e 'Dano Cerebral Adquirido: Autocoidado e Dependencia'.
 
Avaliación positiva

As persoas asistentes avaliaron moi positivamente as sesións (o 96% indican que lles gustaron moito ou bastante). Case o 92% manifestan coñecer mellor o dano cerebral adquirido despois de asistir ao obradoiro, e o 97% afirman que saben identificar mellor o ictus. Ademais, o 100% indican que son necesarias máis actividades deste tipo.

FEGADACE e FADEMUR teñen previsto organizar máis sesións informativas a partir de setembro, e tamén continuar dotando de contido o convenio de colaboración abordando as súas outras áreas.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Información sobre o dano cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)