Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pixabay | | Un proxecto para achegar servizos e tecer redes

Servizos sociosanitarios de proximidade para a autonomía persoal no dano cerebral

FEGADACE pon en marcha un novo proxecto en zonas rurais co apoio da Fundación La Caixa.

07/09/2022 | Galicia

FEGADACE está a poñer en marcha, co apoio da Fundación La Caixa, un proxecto de carácter innovador para garantir a atención ás persoas con dano cerebral adquirido con independencia do seu lugar de residencia. Este proxecto, que formula implantar un novo modelo de apoio á autonomía persoal e ao coidado das persoas con dano cerebral, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoio e residentes no rural, denomínase 'Servizos Sociosanitarios de Proximidade para Persoas con Dano Cerebral Adquirido' e comeza agora, co novo curso, a súa andaina. A Fundación La Caixa concedeulle apoio no marco da Convocatoria Social Galicia 2022, que á súa vez forma parte do Programa de Axudas a Proxectos de Iniciativas Sociais.

O proxecto conta cun dobre obxectivo. Por unha banda, pretende mellorar a autonomía persoal e posibilidade de vida independente do noso colectivo, priorizando ás persoas nunha situación crónica e tamén residente en zonas rurais. Pola outra, complementa o primeiro fin coa promoción da participación comunitaria, habilitando mecanismos para a mesma que van desde a adaptación de espazos á creación de novas redes para a socialización e o exercicio dunha cidadanía plena, independentemente do lugar de residencia.

Trátase dun proxecto que busca garantir o exercicio de dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e que, por primeira vez, vai rachar coa fronteira das cidades para levar os servizos máis alá dos centros situados nas mesmas. Así, está previsto traballar mediante a combinación de servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás persoas na súa contorna, facilitando modos de vida inclusiva e accesible, en condicións de benestar e de seguridade. Os equipos de proximidade, formados por terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais e outros perfís, desenvolverán diferentes programas de empoderamento dirixidos ás propias persoas con dano cerebral e tamén ás súas familias e coidadoras.

Complementariamente vanse deseñar actividades e eventos de tipo cultural, de lecer e colaborativos para promover a participación no contorno sociocomunitario das persoas con dano cerebral adquirido. FEGADACE pretende tamén que esta iniciativa sirva para fortalecer o movemento asociativo e que os novos lazos sociais que se creen sirvan tamén para tecer novas alianzas que poidan frutificar en entidades que afonden na prestación de máis e mellores servizos de atención e rehabilitación.

'Rumbo' á Autonomía Persoal

Este proxecto enmárcase nunha iniciativa integral na que FEGADACE está a participar no período 2022-2024 denominada 'Rumbo: Cara Un Modelo de Autonomía Persoal Conectada e Inclusiva'.

A Federación galega é un dos membros da FEDACE -xunto con FANDACE- que van desenvolver os contidos do programa, que promove un consorcio de cinco entidades estatais de discapacidade e que conta co financiamento dos fondos Next Generation da UE, asignados a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Hai máis información aquí.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > E despois que?
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)