Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 09/09/2022 | Luciano Fernández, Esther Pedrosa e Begoña Hermida (esq. a der.)

Presentada no Concello de Santiago a Carreira e Andaina Polo Dano Cerebral

As menores de 8 anos recibirán o libro de Os Bolechas ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’.

09/09/2022 | Santiago

Trala decisión de adiar a I Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, prevista para o mes de xuño, a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) decidiu recolocar esta proba deportiva o 18 setembro e incluír máis categorías, especialmente escolares. O lugar continúa sendo o Campus Sur e Alameda de Santiago. Así o explicaron na mañá do 8 de setembro nunha rolda de prensa o presidente da Federación, Luciano Fernández, a concelleira de Deportes compostelá, Esther Pedrosa, e o membro do Centro ETP (que colabora na organización da proba), Hernán García.
 
FEGADACE organiza actividades deportivas co obxectivo de promover uns hábitos de vida saudable que redunden na prevención do ictus, que é a principal causa do dano cerebral. A concelleira Esther Pedrosa, ademais de anunciar a súa participación no evento como corredora, puxo de manifesto o interese do Concello por ser “máis social e máis saudable”.
 
Luciano Fernández explicou que, como resultado do aprazamento, incluíronse na convocatoria da carreira e da andaina as diferentes categorías escolares e anunciou que todas as nenas e nenos menores de 8 anos recibirán, en primicia, un exemplar do libro de Os Bolechas ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’, recentemente elaborado por Pepe Carreiro en colaboración con FEGADACE. Todas as persoas inscritas nas demais categorías contarán tamén co agasallo dunha camiseta técnica conmemorativa -que se presentará nos vindeiros días en redes sociais-, ademais do dereito a avituallamento líquido e sólido.
 
Por último, Hernán García detallou os percorridos, categorías e prezos da inscrición, salientando a gratuidade de todas as escolares “agás as sub 14 e sub 16, que teñen un importe simbólico polos gastos de cronometraxe” de 4 euros. A categoría absoluta tamén rebaixou ata 8 euros o prezo da inscrición. O resumo das probas que se van desenvolver é o seguinte:
 
CARREIRA
  • Absoluta (+ 16 anos): 5 km | 10:00 | 8 euros
  • Sub 14 e sub 16 (anos de nacemento 2010/2009/2008/2007): 2,5 km | 10:45 | 4 euros
  • Sub 12 e sub 10 (anos de nacemento 2014/2013/2012/2011): 0,5 km | 11:10 | de balde
  • Sub 8 (anos de nacemento 2016/2015): 0,25 km | 11:20 | de balde
  • Chupete (anos de nacemento 2017 en diante): 0,1 km | 11:25 | de balde
 
ANDAINA
  • Andaina (+ 18 anos): 5 km | 11:00 | 5 euros
  • Andaina menores: 5 km | 11:00 | de balde
 
Categorías e horarios
 
A inscrición vai permanecer aberta en Carreiras Galegas (o calendario oficial da Federación Galega de Atletismo) ata o xoves 15 de setembro ás 23:59 hh. Haberá entrega de trofeos, elaborados polas persoas con dano cerebral adqurido, para as tres primeiras clasificadas en categoría masculina e feminina absoluta, Sub 14 e Sub 16. A cerimonia vai ter lugar aproximadamente ás 10:55, antes da saída da andaina.
 
A recollida de dorsais vaise realizar na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 - Santiago de Compostela) o sábado 17 de setembro en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
 
De xeito excepcional, permitirase a recollida dos dorsais na secretaría da competición situada na zona de meta/saída o mesmo día da carreira, entre as 9:15 e as 9:45 horas.
 
O punto de saída e meta é o monumento a Manuel Ventura Figueroa (Avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur). Os percorridos exactos e demais información de utilidade están no regulamento.
 
Actividade deportiva e solidaria
 
FEGADACE colabora na organización coa Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o centro Encuentra tu Potencial, e conta co apoio da Federación Galega de Atletismo, do Concello de Santiago de Compostela, do Xacobeo 21-22 e da Consellería de Política Social e Xuventude. Ademais, máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras.
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e vén de realizar unha Travesía a Nado en Vilaxoán. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.
 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)