Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 29/09/2022 | Proxecto Rumbo

Proxecto Rumbo: un novo modelo de vida independente para a discapacidade

Promovido por Cocemfe, Aspace, Predif, Autismo España e FEDACE, no marco da cal participa FEGADACE.

29/09/2022

  • Máis de 3,5 millóns de persoas con discapacidade en España poderán beneficiarse dos avances do Proxecto Rumbo
  • Cinco confederacións da discapacidade traballan xuntas para asegurar modelos de vida independente e participación social activa para todas as persoas con discapacidade
  • O obxectivo é promover solucións innovadoras para xerar contextos que favorezan a vida independente das persoas con discapacidade
 
As persoas con discapacidade poderán acceder a novos modelos de vida independente e de participación activa na sociedade grazas ao ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’. Máis de 3,5 millóns de persoas con discapacidade en España poderán beneficiarse desta iniciativa colaborativa na que participan organizacións estatais do Terceiro Sector (da discapacidade) xunto ao seu tecido asociativo.
 
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), a Confederación ASPACE, a Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF) e a Confederación Autismo España suman esforzos na busca de novos modelos que fagan realidade unha vida independente e participativa para estas persoas, en especial aquelas con maiores necesidades de apoio.
 
O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal, a vida independente e a participación social de persoas con discapacidade. Desta forma, Rumbo pretende dar resposta á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que, no seu artigo 19 recoñece o dereito a vivir de forma independente.
 
E é que a falta de servizos adecuados na comunidade, a dificultade de acceso á vivenda ou a falta de apoio técnico e asistencia persoal, xunto á escaseza de medios económicos e materiais, son os principais retos aos que se enfrontan as entidades do Proxecto Rumbo. Para dar resposta a todos eles, trabállase en solucións innovadoras para adecuar as condicións de vida e a contorna ás necesidades das persoas con discapacidade.
 
Así, durante tres anos o Proxecto Rumbo coordinará o traballo 22 entidades en diferentes comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Castela e León e Galicia) nas que se está a analizar a situación actual de necesidades e apoios cos que contan a día de hoxe as persoas con discapacidade. Desta análise xurdirán diferentes propostas, accións e iniciativas que se axustarán ás demandas que requiren as persoas de cada colectivo da discapacidade.
 
Aínda que o prazo para levar a cabo estas actuacións finaliza en decembro de 2024, o Proxecto Rumbo abórdase cunha visión integradora, global e sostible no tempo. Esta iniciativa está subvencionada polo Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
 
Sobre o proxecto RUMBO
 
O ‘Proxecto RUMBO: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolvida entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade e o seu tecido asociativo (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA). O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
 
Este proxecto, que conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
 

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > E despois que?
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)