Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/10/2022 | Obradoiro de formulación do Plan Estratéxico do Sistema Sanitario

FEGADACE colabora na formulación do novo Plan Estratéxico do Sistema Sanitario

A directora da Federación participa no grupo no que se avalía e debate a 'Experiencia de paciente'.

03/10/2022 | Galicia

A directora de FEGADACE, Begoña Hermida, participou, en representación do tecido asociativo do dano cerebral adquirido, nos traballos preliminares para a formulación do Plan Estratéxico do Sistema Sanitario Público de Galicia.

A Consellería de Sanidade atópase inmersa no proceso de elaboración do documento estratéxico, que neste momento está a estudar a situación actual do Servizo Galego de Saúde.

Nese contexto, a Consellería convocou unha serie de grupos de traballo a través dos que está a recoller a percepción e achegas de persoas identificadas arredor das áreas de traballo de 'Experiencia de paciente', 'Profesionais, talento e valor', 'Eficiencia, sustentabilidade e medio ambiente' e ' Procesos asistenciais e calidade'.

FEGADACE participou, xunto con representantes de FEGEREC e Cogami -foron as tres organizacións de persoas usuarias do servizo convocadas (tamén hai persoal interno do Sergas)-, no grupo que avalía a experiencia de paciente.

A directora de FEGADACE asistiu a semana pasada -o día 28 de setembro- a un obradoiro no que se debateu sobre as accións para corrixir debilidades, afrontar ameazas, manter fortalezas e explotar novas oportunidades para a definición da nova estratexia.

O traballo continúa  ao longo de 2022 e está previsto que este mes estea deseñada a Estratexia e a folla de ruta que a vai poñer en marcha.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Outras entidades
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)