Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEDACE | 25/10/2022 | Día do Dano Cerebral 2022

26 de outubro de 2022: Manifesto do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido

Polo cumprimento dos dereitos e por unha necesaria accesibilidade. Mañá pódelo necesitar ti.

26/10/2022

O Dano Cerebral Adquirido é unha lesión que se produce no cerebro por mor dun ictus, dun traumatismo cranioencefálico ou dun tumor cerebral; entre outros motivos. Como consecuencia a túa vida e a da túa familia cambian por completo de maneira súbita e inesperada. Actividades que antes facías sen ningún problema, como usar o transporte público, renovar o pasaporte ou facer unha transferencia bancaria, agora supóñenche un enorme esforzo físico e cognitivo.
 
O medio millón de persoas con Dano Cerebral Adquirido que vivimos en España temos dereitos, e queremos que estes se respecten e cumpran. Un deles é mellorar a nosa inclusión na sociedade: sentir que somos persoas autónomas e que podemos valernos por nós mesmas. Pero para iso necesitamos que se corrixan moitas cousas no ámbito da accesibilidade universal. A accesibilidade non é só que poidamos entrar sen dificultades a un edificio; tamén existen obstáculos que dificultan a nosa accesibilidade cognitiva.
 
A cognición é o que nos permite comprender o mundo que nos rodea: entender a sinalización das rúas ou dos edificios públicos, por exemplo. Grazas á cognición aprendemos, reflexionamos e tomamos decisións. Con todo, unha das secuelas máis frecuentes do Dano Cerebral son as alteracións cognitivas, que fan que recursos e ferramentas que antes formaban parte do noso día a día agora as vexamos como un crebacabezas.
 
Estas dificultades teñen dous responsables: por unha banda, o propio Dano Cerebral Adquirido, que trastorna o funcionamento normal do noso cerebro. E, doutra banda, as administracións ou empresas que non adecúan a información de carteis, servizos ou trámites ás persoas con problemas cognitivos.
 
Afortunadamente, desde a Administración Pública vanse dando pasos para que os espazos e recursos sexan accesibles cognitivamente. O pasado 31 de marzo aprobouse a modificación do Texto Refundido da Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social, que establece e regula a accesibilidade cognitiva. Con todo, aínda queda moito por facer e por avanzar.
 
Hoxe, 26 de outubro, Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, queremos demandar que se cumpran os nosos dereitos e que poidamos facer uso dos recursos públicos en condicións de accesibilidade plena. As persoas con Dano Cerebral Adquirido necesitamos recuperar a nosa funcionalidade nas mellores condicións posibles. Que despois de ter un Dano Cerebral podamos entender as indicacións médicas, cambiar sen dificultade o noso empadroamento ou coller o autobús.
Para iso é necesario que existan ferramentas e recursos para o cumprimento e a reivindicación efectiva de dereitos, e tamén que se desenvolvan e executen plans estratéxicos para a accesibilidade en contornas sanitarias, xurídicas, educativas e sociais. Na elaboración destes plans debe terse en conta a todos os colectivos de persoas con discapacidade e ás súas familias, así como ás entidades que os representan. É a única maneira para que as propostas de accesibilidade sexan efectivas.
 
Como reivindicacións xerais, desde a Federación Española de Dano Cerebral, que representa a 48 entidades e a máis de 11.000 persoas socias, reclamamos:
 
  • Que se impulse unha Estratexia Nacional de Atención ao Dano Cerebral Adquirido que garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar a cada persoa con Dano Cerebral, independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia.
  • Que se elabore un censo completo do número de persoas con Dano Cerebral Adquirido en España.
  • Que se cree a categoría diagnóstica “Dano Cerebral Adquirido”, aplicable no momento do alta hospitalaria.
  • Que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora.
  • Que nos plans de atención sociosanitaria se teñan en conta as necesidades específicas das persoas con Dano Cerebral con maior vulnerabilidade, como son as persoas con dano cerebral severo, os e as menores con Dano Cerebral e as persoas con alteracións graves da conduta; así como das súas familias.
Este 26 de outubro, Día nacional do Dano Cerebral Adquirido, as persoas con Dano Cerebral queremos que se escoite a nosa voz e que se atendan as nosas peticións. Queremos que os nosos dereitos sexan respectados, para lograr con eles unha mellora na nosa inclusión social e na nosa calidade de vida, xa que “unha vida salvada merece ser vivida con dignidade”.
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)