Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Sarela | 08/11/2022 | Actividade informativa de Sarela

Nace A Nosa Lareira, un espazo web para as persoas coidadoras de Sarela

Recursos e ferramentas para o día a día, relacionarse e compartir tempo, coñecementos e experiencias.

08/11/2022 | Santiago

O DCA ten un enorme impacto na persoa con DCA pero tamén en toda a familia, fundamentalmente na persoa que asume o rol de coidadora principal, véndose repercutida a calidade de vida. Polo tanto, a información e o apoio ás familias cunha persoa con dano cerebral adquirido son fundamentais ao ter que afrontar unha nova realidade que chega de forma brusca e inesperada. É por iso que Sarela presta unha atención específica á familia ofrecendo información, formación e atención psicolóxica.

Esta nova sección da web suporá unha mellora na comunicación coas familias socias así como ampliar as formas de atención máis alá da presencialidade e a modalidade online que xa facemos, ofrecéndolles información accesible ás persoas coidadoras de maneira áxil e coa liberdade de acceso á mesma no momento que queiran.

O proxecto inxírese no proceso de transformación dixital iniciado por Sarela hai uns anos. Foi en 2021, no contexto da pandemia no que chegar a todas as familias é moi difícil (confinamentos, medidas de distancia social, control de aforos, tamaño da área sanitaria de Santiago etc), cando o financiamento a través da Fundación Santander (proxecto Santander Social Tech) permitiu a contratación dunha empresa externa encargada do deseño da páxina web.

Contidos

A Nosa Lareira estrutúrase en tres seccións principais: actividades, coidado físico e coidado emocional así como un espazo para a descarga de materiais de interese.

Actividades: as persoas usuarias da web poderán inscribirse nas actividades que se organizarán, tanto presenciais na sede de Sarela como on line, e que tratarán temas relacionados co dano cerebral (coidados, cambios acaecidos ou secuelas, pautas de actuación ante diferentes situacións...) e de autocoidado principalmente.

Quenta o teu corpo é a sección dedicada ao coidado físico e nela achegaranse materiais como vídeos titoriais creados polo equipo de profesionais  de Sarela no que se explican como executar correctamente exercicios e estiramentos co fin de previr molestias ou patoloxías.

En Relaxa a túa mente as persoas usuarias atoparán información útil e práctica para o seu benestar emocional. Nesta sección terán acceso a estratexias e recursos para detectar e manexar a tensión, organizar o día a día, solucionar problemas, manexar emocións, descubrir estratexias e recursos para manter un bo estado de ánimo etc.

A Nosa Lareira xa está activa e pódese acceder a ela na web de Sarela www.sarela.org ou directamente no enlace www.sarela.org/a-nosa-lareira e é preciso o rexistro previo.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela