Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Discamino | 25/11/2022 | Discamino, 10º Premio FEGADACE - Miguel Blanco

Discamino recibirá o 10º Premio FEGADACE - Miguel Blanco na #XornadaDanoCerebral

A Federación valorou o seu compromiso cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido.

25/11/2022 | Santiago

O Premio FEGADACE - Miguel Blanco cumpre en 2022 unha década de vida, recoñecendo o compromiso cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido da asociación Discamino.

Discamino é unha entidade fundada por Javier Pitillas Torra, composta por persoas con e sen discapacidade que se unen para realizar diferentes aventuras inclusivas en bicicletas adaptadas, triciclos, cadeiras 'joelette' ou a pé. Contan no seu haber, ademais de con múltiples Camiños de Santiago, coa realización dos percorridos Roma - Santiago, a Transpirenaica, a Volta a España, ou o ascenso a cumios como o Mulhacén e o Veleta.

A Xunta Directiva de FEGADACE valorou "o compromiso de Discamino cos dereitos e a inclusión do colectivo do dano cerebral adquirido, que se manifesta a través de diferentes accións e metodoloxías, e que comeza no mesmo momento de fundación da asociación, ao estar esta composta por persoas con e sen discapacidade".

A Federación Galega de Dano Cerebral "agradece o especial esforzo de Discamino para a implicación nas súas iniciativas das persoas con dano cerebral adquirido, moitas delas participantes neses retos, facilitando o exercicio dos dereitos ao goce do lecer e á participación deportiva, fundamentais na recuperación e mantemento das persoas con dano cerebral adquirido, á hora de retomar e/ou reformular o seu proxecto vital, desde os puntos de vista físico, de autoestima, de inclusión, e outros".

Actualmente son 21 as persoas con dano cerebral adquirido que adestran con Discamino e obteñen, así, unha nova canle de participación social e de superación cos retos e aventuras que lles fornece a súa asociación. O vínculo entre Discamino e o movemento asociativo do dano cerebral adquirido é tan estreito que é unha das nosas asociacións, Alento, a que alberga a súa sede.

Entrega na Xornada sobre o Dano Cerebral

O fundador de Discamino, Javier Pitillas Torra, será o encargado de recoller o galardón en representación da súa asociación na Xornada sobre o Dano Cerebral, que terá lugar o 17 de decembro en Santiago de Compostela.

Como xa é tradición, vaino recoller das mans do anterior galardoado, que neste caso é a SOGARMEF, 9º Premio FEGADACE - Miguel Blanco. En concreto, será o vicepresidente da asociedade de medicina rehabilitadora, Jesús Figueroa, quen realizará a entrega. Introduce o acto a secretaria da Xunta Directiva de FEGADACE, Laura Abeledo.

O acto de entrega terá lugar ao final, antes da Clausura da Xornada, ás 13:45 hh. Será no Auditorio Carlos V do San Francisco Hotel Monumento (Campiño de San Francisco, 3), en Santiago de Compostela. O programa completo do evento, que tamén se vai retransmitir en streaming, pode consultarse aquí.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Premio FEGADACE - Miguel Blanco
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)