Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© COFC | 27/02/2023 | Acordo de colaboración co Colexio de Farmacéuticos da Coruña

Acordo co Colexio de Farmacéuticos da Coruña para informar sobre o dano cerebral

Realizaranse accións de información e formación sanitaria, e de promoción da saúde.

27/02/2023 | A Coruña

O presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia da Coruña, Sara Catrain, asinaron o venres 24 de febreiro un acordo de colaboración para o desenvolvemento de accións de interese mutuo sobre o dano cerebral adquirido.

En concreto, o convenio regula a execución de accións de promoción da saúde para a prevención do dano cerebral adquirido, así como a difusión de información sanitaria, de servizos, etc., sobre a nosa discapacidade.

FEGADACE poderá empregar as canles de comunicación do Colexio, incluída a súa rede de oficinas de farmacia, para as devanditas accións de sensibilización e de difusión de información sobre o dano cerebral. Ademais, o Colexio pon a disposición da Federación a posibilidade de cursar consultas ao Centro de Información do Medicamento, e tamén contempla a posibilidade de organizar conxuntamente actividades públicas de sensibilización e de promoción de hábitos de vida saudables.

Este acordo ten un grande interese para FEGADACE pola capilaridade da rede de farmacias e o seu papel como axentes de saúde comunitaria, facilitando a chegada da información sobre recursos e servizos a toda a poboación da provincia.

Ademais do presidente e da presidenta, no acto de sinatura estiveron presentes a directora de FEGADACE, Begoña Hermida, e o vicepresidente, Ramón Sáez, e a vogal de Oficinas de Farmacia do Colexio, Silvia Represa.
 
Información na páxina web do COFC.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)