Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 02/03/2023 | 'Punto e seguido' en Fene

Charla sobre o dano cerebral e mostra 'Punto e seguido' na Casa da Cultura de Fene

A sesión informativa será o 30 de marzo, o mesmo día que se abre a exposición ata o 14 de abril.

02/03/2023 | Fene

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Fene pola man da colaboración entre o concello coruñés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A sesión informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Fene: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña.
 
A charla vai ter lugar o xoves 30 de marzo ás 17:30 hh. no Salón de Actos da Casa da Cultura (Avenida Conces, 20-22) de Fene.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
A exposición poderá verse desde o mesmo 30 de marzo ata o 14 de abril, tamén na Casa da Cultura. O horario de apertura é de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00, e os sábados só na quenda de mañá.
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Fene e co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)