Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 19/04/2023 | Saúde Oral e DCA

FEGADACE galardoada nos III Premios de Innovación en Saúde da ACIS

A III Edición dos Premios de Innovación en Saúde da ACIS recoñece co primeiro lugar o proxecto "Saúde Oral: Garantía do Benestar das Persoas con DCA"

19/04/2023 | A Coruña

O Proxecto "Saúde Oral, Garantía do Benestar das Persoas con Dano Cerebral Adquirido" é seleccionado como a mellor idea de innovación en saúde da III Edición dos Premios de Innovación en Saúde da ACIS. O Hospital Universitario da Coruña acolleu o día 18 de abril de 2023 a celebración do acto de entrega destes premios, que estivo presidido polo Conselleiro de Sanidade e contou coa asistencia de múltiples autoridades sanitarias da nosa comunidade, destacando o xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro, e o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde -ACIS-, Antonio Fernández Campa. Na súa intervención, Comesaña dixo que, con estes premios, o que se quere é poñer en valor todas aquelas ideas e proxectos que teñen como obxecto facer da sanidade pública galega unha sanidade máis eficiente e con servizos de maior calidade. 
 
Foi en 2019 cando o equipo de FEGADACE xunto coa Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais da Universidade de Santiago, comezaron a compartir ideas buscando resposta ás necesidades de atención en saúde oral das persoas con dano cerebral adquirido, unha dimensión da calidade de vida frecuentemente esquecida ou non priorizada. Aquelas primeiras ideas organizáronse e planificáronse ata materializarse no proxecto que recibiu o galardón
 
A saúde oral e bucodental é un aspecto transversal e básico na vida e benestar de todas as persoas, e no caso das persoas con DCA, unha correcta hixiene oral pode marcar a diferencia entre unha alimentación saudable e a desnutrición, ou entre a capacidade de comunicarse correctamente e o illamento, entre outros factores. 
 
E foi sobre esta visión que se materializaron unha serie de accións con enfoque "preventivo, curativo e formativo" e dirixidas a diferentes grupos diana -profesionais da odontoloxía, futuros profesionais, persoas coidadoras e familiares, persoas con dano cerebral e sociedade xeral-. 
 
É un proxecto pioneiro en saúde e discapacidade, exportable e replicable a outros territorios, entidades e colectivo, e que pon en valor a relevancia das colaboracións e colaboración entre a sociedade civil e o ámbito público, neste caso da man da universidade de Santiago de Compostela. É fundamental destacar o esforzo, entrega e compromiso das profesionais da Unidade que, baixo o liderado dos doutores Pedro Diz e Jacobo Limeres, exercen un papel fundamental, e non suficientemente recoñecido pola sociedade e a administración, no que respecta á atención de persoas con necesidades especiais, como tamén na xeración de coñecemento científico e divulgación do mesmo. 
 
Iniciativas como a deseñada por FEGADACE teñen un impacto e beneficios sociais de alto valor, especialmente no sistema público de saúde: complementan a carteira de servizos sanitarios públicos, evitan a aparición a medio longo prazo de outras enfermidades, coa conseguinte redución de carga asistencial e permiten ter profesionais formadas e capacitadas sobre as especificidades de atención dos colectivos cos que non traballan habitualmente. 
 
Noticias coma esta anímannos a seguir traballando de maneira coordinada e comprometida coa mellora da saúde e calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido en todas as súas dimensións. 
 
Aquí podes encontrar todos os materiais e accións desenvolvidas no marco deste proxecto: https://www.fegadace.org/divulgacion-gal.html
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)