Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 09/05/2023 | QR Enquisa Estudo sobre a Atención ao DCA en Recursos Residenciais Galegos

Estudo sobre a Atención ao Dano Cerebral Adquirido en Recursos Residenciais Galegos

FEGADACE inicia un estudo sobre a atención prestada a persoas con DCA usuarias de centros residenciais non especializados nesta discapacidade

09/05/2023 | Galicia

FEGADACE no marco do "Proxecto Rumbo: Cara un Modelo de Autonomía Persoal Conectada e Inclusiva”*, cuxo obxectivo estratéxico é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal, á vida independente e á participación social de persoas con discapacidade, impulsa o “Estudo sobre A Atención do Dano Cerebral Adquirido (DCA) en Recursos Residenciais Galegos”.
 
O obxectivo deste estudo é obter un diagnóstico cuantitativo e cualitativo sobre a atención prestada a persoas con dano cerebral que residen en centros residenciais non específicos desta discapacidade.
 
A partir dos resultados obtidos traballarase no desenvolvemento das seguintes actividades:
  1. deseño dun "Protocolo para a Atención de Persoas con Dano Cerebral Adquirido en Centros Residenciais non específicos",
  2. posta en marcha dun ciclo formativo específico sobre o devandito protocolo dirixido a profesionais dos centros residenciais participantes e
  3.  establecemento de posibles alianzas entre FEGADACE e centros residenciais interesados para acompañamento na pilotaxe do Protocolo. 
Desde hoxe ata o día 31 de maio de 2023 todos os centros residenciais galegos de persoas maiores e de persoas con discapacidade, independentemente da súa titularidade e especialización, están convidados a participar neste estudo.
 
Poderase responder a través deste formulario: Estudo sobre a Atención do Dano Cerebral Adquirido (DCA) en Recursos Residenciais Galegos e escaneando o código QR contido nesta noticia. 
 
 
Desde inicio de 2022 FEGADACE é membro dunha agrupación a nivel  estatal, que naceu co obxectivo de sumar esforzos na busca de novos modelos que fagan realidade unha vida independente e participativa para as persoas con discapacidade, en especial aquelas con maiores necesidades de apoio.  A misión fundamental desta alianza é a teorización e execución dun proxecto piloto, denominado "Rumbo: Cara un Modelo de Autonomía Persoal Conectada e Inclusiva" . O seu obxectivo estratéxico é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal, á vida independente e á participación social de persoas con discapacidade. Desta forma, Rumbo pretende dar resposta á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que, no seu artigo 19 recoñece o dereito a vivir de forma independente. Trabállase en solucións innovadoras para adecuar as condicións de vida e a contorna ás necesidades das persoas con discapacidade en xeral, e dano cerebral adquirido en particular. 

Os principios vertebradores deste proxecto son cinco: (i) Dereito á Autonomía da Persoa, (ii) Deseño e Accesibilidade Universal, (iii) Concepción da persoa no centro do deseño, (iv) Modelo social baseado nos Dereitos Humanos e (v) Igualdade de oportunidades e non discriminación. Para a súa execución, que se estende ata decembro de 2024, definíronse 8 liñas ou paquetes de traballo, que interveñen en áreas como: vivenda, accesibilidade universal, asistencia persoal, servicios sociosanitarios de proximidade, promoción da cidadanía activa e participación plena na comunidade. 

A liña de traballo denominada "Servizos Sociosanitarios de Proximidade" pretende garantir a autonomía persoal e previr situacións de dependencia en persoas con grandes necesidades de apoio e coidados de longa duración non cubertos, ou parcialmente cubertos, polo actual sistema de atención.  Entre as accións programadas nesta liña, inclúese o apoio a centros residenciais nos que habiten persoas con dano cerebral adquirido para complementar a atención terapéutica recibida nestes, así como para deseñar accións complementarias orientadas ao maior grao de autonomía persoal posible das persoas con dano cerebral.
 
 

Arquivada en:
Que facemos > Vida independente
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)