FEGADACE aliouse en 2022 con 'Os Bolechas' para editar a guía 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'.
O libro distribuíuse o mesmo ano de edición nos centros de ensino infantil e primario e nas bibliotecas e axencias de lectura de todos os concellos da provincia da Coruña. Ademais, a Federación organiza lecturas e obradoiros nos que se agasalla o conto ás nenas e nenos asistentes.
En 'Mireia conta que é o dano cerebral adquirido' os populares personaxes coñecen, nunhas vacacións de verán, a unha nena con dano cerebral. Esta nena cóntalles as súas secuelas, cales son as causas desta discapacidade, e tamén achega algúns consellos para relacionarse coas amigas e amigos con dano cerebral adquirido.
Ademais, inclúe un apartado no que se explica ás nenas e nenos como identificar os síntomas de alarma do ictus a través dos 3F: Fala, Forza e Faciana, e un mapa de Galicia no que aparecen as cinco asociacións de dano cerebral e a Federación.
Financiamento: Deputación da Coruña e Consellería de Política Social e Xuventude
Importe concedido: 28.751,12 € (78,58% do total do proxecto)
Execución: 2022
En 2020 ADACECO, Alento e Sarela fixeron 20 anos. Son dúas décadas de movemento asociativo do dano cerebral en Galicia. FEGADACE conmemorouno co proxecto 'Eu non son o meu dano cerebral'.
Eu non son o meu dano cerebral
Un grupo de persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela confesan os seus medos, contan os seus soños, explican onde estaban hai vinte anos e proxectan onde andarán dentro de dúas décadas máis. Porque teñen ideas, previsións, historia. Porque son persoas, non son o seu dano cerebral.
Unha cronoloxía cos principais acontecementos que afectaron ao dano cerebral nas últimas dúas décadas, desde todos os puntos de vista: creación de unidades de ictus, promulgación da 'Lei de Dependencia', Convención sobre Discapacidade da ONU... Coa lupa colocada na evolución do tecido asociativo galego desde a fundación de ADACECO, Alento e Sarela, parando na constitución de ADACE Lugo, Renacer e FEGADACE, a ampliación de servizos, os novos centros... Unha historia de crecemento e mellora da atención ás familias con dano cerebral complementada con fotografías e cos testemuños de diferentes persoas que nos acompañaron nestes 20 anos.
Financiamento: Deputación da Coruña
Importe concedido: 9.750,93 € (80,00% do total do proxecto)
Execución: 2020
Unha aproximación fílmica ao tratamento do dano cerebral adquirido, da inclusión e da discapacidade na sétima arte que contou cunha estrea de seu: a curta O mundo púxose ao revés.
O mundo púxose ao revés é unha curta de Miguel Gallardo. Presentouse nas Xornadas de Medicina Gráfica da Coruña en novembro de 2019.
Antes proxectouse no ciclo Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema. Unha aproximación fílmica á discapacidade e á inclusión.
Financiamento: Deputación da Coruña
Importe concedido: 6.707,26 € (79,91% do total do proxecto)
Execución: 2019
Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido
Un ictus ou un accidente de tráfico son cuestión de segundos. Un 'punto e seguido' para o que virá despois. Secuelas visibles e invisibles. Orgánicas, físicas, sensoriais, cognitivas, emocionais, condutuais, económicas, sociais. Pero tamén apoio, rehabilitación, novos proxectos de vida, novas relacións, novas leccións, novos gustos e intereses.
Con este traballo a Federación e as asociacións de dano cerebral queren achegar a toda a cidadanía á realidade das persoas con ano cerebral a través dunha serie de curtametraxes e dunha exposición fotográfica que percorre as principais cidades de Galicia.
A serie audiovisual inclúe a curta Punto e seguido principal (á esquerda) e seis pezas nas que cada protagonista desenvolve máis polo miúdo como é a vida con dano cerebral adquirido (abaixo).
Para ver a colección de fotografías pode visitarse a exposición online.
Este é o folleto que acompaña a mostra fotográfica.
Financiamento: Deputación da Coruña, Obra Social La Caixa e Xunta de Galicia
Execución: 2017-2018-2019-2020-2021-2022-2023
Banda deseñada creada polo ilustrador Miguel Gallardo para sensibilizar ao público adolescente sobre a realidade do dano cerebral e a prevención do ictus, a súa principal causa. Este documento presentouse a través dunha serie de obradoiros en cinco centros de ensino secundario da Coruña e Santiago, realizados a finais de 2016.
Financiamento: Deputación da Coruña
Execución: 2016
Baixo o mesmo paraugas
'Baixo o mesmo paraugas' é unha iniciativa do tecido asociativo local da discapacidade en Galicia para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora cada 3 de decembro.
FEGADACE participa, xunto con Sarela, no núcleo asociativo de Santiago de Compostela. ADACECO, ADACE Lugo, Alento e Renacer están "baixo o mesmo paraugas" que as entidades da Coruña, Lugo, Vigo e Ourense.
O escritor Francisco Castro achegouse a FEGADACE e a Alento interesado no dano cerebral adquirido. Da relación que estableceu saíu a novela xuvenil Iridium, protagonizada por unha moza con dano cerebral; publicouna a Editorial Galaxia.
Presentouse en Vigo en setembro de 2018. Desde ese día, o autor do libro e Amparo Rodicio, neuropsicóloga de Alento, percorreron ata 15 institutos, auditorios e feiras culturais para falar de Iridium e de como pode ser a vida dunha moza con dano cerebral.
Hoxe en día hai ata catro edicións do libro: galego, catalán, castelán e vasco.
CapacitArte foi unha iniciativa do CERMI Galicia e da Consellería de Política Social que arrincaba en 2017 cunha mostra colectiva que se inaugurou con motivo do Día da Discapacidade (3 de decembro), composta de diferentes paneis que explicaban brevemente en que consiste cada unha das discapacidades representadas no CERMI Galicia.
O proxecto continuou a desenvolverse en 2018, con exposicións temáticas mensuais sobre cada discapacidade. En outubro chegou a quenda de FEGADACE.
Financiamento: Consellería de Política Social
Execución: 2017-2018