Investigación

Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos

Cales son os seus obxectivos?

O estudo parte da necesidade de dispoñer de información que permita establecer actuacións orientadas a resolver a insuficiencia de solucións habitacionais específicas para persoas con discapacidade por DCA, derivadas e institucionalizadas en residencias que non contan cos servizos nin prestacións adecuadas ás súas necesidades de atención, acompañamento e rehabilitación. Con este fin, o estudo realiza a primeira diagnose cualitativa e categorización da presenza do dano cerebral adquirido en centros residenciais non específicos desta discapacidade en Galicia. 
 
A partir da información recompilada, estáse a elaborar un protocolo para atención de persoas con DCA en centros residenciais non específicos e porase en marcha un ciclo formativo sobre o mesmo dirixido a profesionais de residencias non especializadas na discapacidade. Ademais, agárdase establecer alianzas cos centros interesados para realizar un acompañamiento na pilotaxe do protocolo.
Quen elaborou o informe?
Trátase dunha investigación promovida e elaborada por FEGADACE no marco de 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', destinado a impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal, á vida independente e á participación social de persoas con discapacidade. Os resultados do estudo, froito de máis dun ano de traballo, parten da enquisa enviada aos 313 centros residenciais, tanto públicos como privados, existentes en Galicia e que foi respondido por 45 deles.

Documentación dispoñible

Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos
Financia:  Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Execución: 2022-2023

O coidado informal no dano cerebral adquirido: impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras. Análise en clave de desigualdade de xénero

Cales son os obxectivos do estudo?

A ausencia de recursos de atención ás persoas con dano cerebral ten unha repercusión directa e inmediata: a existencia de coidado informal -é dicir, non remunerado, proporcionado a nivel doméstico. É de sobra coñecida polas asociacións de dano cerebral a sobrecarga coa que viven as familias a atención ás persoas con esta discapacidade; ademais da constatación da desigualdade de xénero existente á hora de proporcionar estes coidados.

Case sempre é unha muller, sexa esposa, filla, nai, ou mesmo sen vínculo familiar, quen asume a responsabilidade principal da atención. Unha tarefa que repercute directamente na súa calidade de vida e na súa saúde, tanto física como mental. Este estudo amosa ata onde chegan estas repercusións, para deseñar propostas que contribúan a reducir o impacto negativo que o coidado informal ten nas persoas coidadoras, así como para reducir a brecha de xénero existente nesta área.
Quen elaborou o informe?
Trátase dunha investigación promovida por FEGADACE e elaborada por ReTnova Proxectia Consulting que contou coa colaboración de case 300 persoas coidadoras de usuarios e usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela.

Documentación dispoñible

Folleto dirixido ás persoas participantes no estudo
Financia: Fundación Barrié e Fundación Roviralta
Execución: 2020-2021

Retorno social do investimento en atención sociosanitaria a persoas con DCA e ás súas familias

Por cada euro que mobilizan FEGADACE e as súas asociacións xérase un retorno social de 5,96 euros.

De onde procede este dato?

O estudo ten como obxectivo básico a Medición do Valor Social Xerado por FEGADACE en Galicia, coa fin de calcular o retorno social e económico do investimento en recursos e servizos de atención ao dano cerebral, analizando os principais programas e servizos ofertados polas cinco asociacións adheridas á federación. O obxectivo global é identificar, medir e posteriormente valorar monetariamente os impactos ou cambios que xeran o investimento en recursos e servizos de atención ao dano cerebral, analizando os principais servizos prestados polas entidades federadas, para todos os grupos de interese afectados por esta actividade.
Cando e quen participou na investigación?
Este proxecto comezou a desenvolverse en outubro de 2018 coa creación dun equipo mixto conformado por Emilio Ruzo Sanmartín e Alejandro Pan Regueiro, como coordinación do equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela, e polo equipo de traballo de FEGADACE, formado por Begoña Hermida (directora) e  Adolfo González (técnico de proxectos). Adicionalmente, para a realización deste estudo contouse co apoio e supervisión de José Luis Retolaza Ávalos, Profesor de Economía da Deusto Business School e membro de GEAccounting.

Documentación dispoñible

Folleto explicativo coas principais conclusións do estudo
Financia: Fundación Barrié e Fundación Roviralta
Execución: 2018-2019

Analizando o coñecemento da diagnose e recursos das persoas con DCA, medindo a cobertura das necesidades do colectivo

Falta coordinación entre os servizos sanitarios e sociais na atención a persoas con dano cerebral.
Non está garantida a continuidade asistencial no momento da saída do sistema hospitalario.

Como se extraen estas conclusións?

Este estudo desenvolveuse co obxectivo de determinar, por unha banda, o coñecemento que ten a poboación que tivo un ictus sobre o seu diagnóstico, factores de risco, síntomas de alarma, conduta a seguir para a recuperación e carteira de servizos para a atención e rehabilitación, e, pola outra, medir a cobertura das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral.
 
A recollida de datos realizouse grazas á colaboración dos neurólogos e neurólogas da SGN (Sociedade Galega de Neuroloxía), que distribuíron unha enquisa entre máis de 300 persoas dadas de alta por ictus nos hospitais públicos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. As mesmas persoas (ou a persoa coidadora de referencia de cada unha delas) volveron cubrir unha segunda enquisa pasados tres meses da alta, na que se recolleron datos da evolución do seu coñecemento sobre os recursos de atención. As conclusións da investigación fixéronse públicas con motivo do Día do Ictus 2018.
Profesionais colaboradores/as
  • Mar Castellanos. Xefa do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
  • Susana Arias. Neuróloga no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
  • Ángel Manuel Aneiros. Neurólogo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol
  • José Maciñeiras. Neurólogo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo
  • Miguel Alberte Woodward. Neurólogo no Hospital Universitario Lucus Augusti
  • Daniel Apolinar García. Xefe do Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

Documentación dispoñible

Imaxes proxecto recursos atención ao ictus

Financia: Fundación Barrié e Fundación Roviralta
Execución: 2016-2018


FEGADACE
https://www.fegadace.org/
https://www.fegadace.org/index.php?V_dir=MSC&V_mod=showart&id=255