© FEDACE | | Adaptación do cartel do Congreso de DCA
FEDACE organiza en novembro o IV Congreso Nacional de Dano Cerebral Adquirido
Dous días de reflexión sobre a atención ao DCA baixo o lema 'Somos unha realidade' (#SomosUnaRealidad).
A Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE) organiza en novembro o IV Congreso Nacional de Dano Cerebral Adquirido. Os contidos están unificados polo lema 'Somos unha realidade' (#SomosUnaRealidad), e desenvolveranse os días 22 e 23 de novembro en Madrid, no Auditorio do edificio Castellana 81.
O Congreso vai analizar o estado da atención sociosanitaria ao dano cerebral adquirido, centrándose en modelos de atención, protocolos de intervención, boas prácticas e solucións innovadoras. Ademais, reserva un espazo para compartir experiencias das persoas que compoñen o movemento asociativo.
A ponencia marco vai ser presentada polo responsable do CERMI Estatal, Luis Cayo Pérez Bueno. Tamén se contará coa intervención da directora do CEADAC, Inmaculada Gómez Pastor, para debullar o modelo de atención ao DCA.
A continuación sucederanse as mesas redondas sobre código diagnóstico, dereitos, "vellas necesidades, novos enfoques" e a atención ás familias. O programa completo está na páxina web específica do Congreso, www.congresonacionaldca.org, desde a que tamén se poden tramitar as inscricións.
O Congreso reserva un espazo para o envío de pósters, algúns dos cales se presentarán durante as dúas xornadas en varias salas anexas ao auditorio principal. O prazo para remitilos está aberto ata o 5 de novembro. A web do Congreso facilita un formulario de envío.