Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Grupo ActivaMente Sarela

"Que pasa despois?"

22/04/2019

"


Pasa o primeiro momento, o hospital. Un choque, un shock! Pasas da túa vida normal a un nada interno e externo. Desolación, completamente terminado, desorientado. Logo vén a adaptación ao medio e ás circunstancias dun mesmo, atoparte nunha vida que parece que non é a túa pero…  que é a realidade. Aos poucos vai calando a sensación de dependencia doutras persoas e que non tes a mesma capacidade de antes para poder enfrontarte á situación e non sabes canto durará isto. No hospital prepárante para sobrevivir, pero non te informan nin te preparan para a verdade, e é que un Dano Cerebral Adquirido tense para sempre. “Tocouche, tes que tirar para diante”, din. Escoitas constantemente “imos!”, “un pouco máis!”; pero tamén o “espera!” o que che fai sentir que a vida no canto de pasar por diante… pasa por detrás. É como unha carreira de fondo, coñeces o punto de saída pero non o de chegada. O que ten esta “carreira” é que podes atoparche con outras persoas nunha situación similar á túa. Hoxe, seis persoas con DCA compartimos un grupo que nos retroalimenta, onde cada un aporta coa súa experiencia algo que pode axudar aos demais, pero tamén colle e benefíciase do que outros dan. Poder expresarte libremente, coma se todos falásemos o mesmo idioma, sobre as inquietudes, expectativas, medos, pero tamén da parte inalterable, da esencia dun mesmo, que segue aí.



Grupo ActivaMente (Javier, Antonio, Jesús e Isolino)


"

Arquivado en:
Usuarios/as