Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

María Varela

"A miña nena"

22/04/2019

"


“Depresión”, dixeron cando falaba do seu cansazo esaxerado. “Ansiedade”, cando contou que sentía un baleiro inmenso nos adentros. Cando confesou que esquecía demasiadas veces onde deixara as chaves, ou perdía o fío do que estaba a dicir… Pílulas para durmir receitáronlle cando describiu que lle custaba conciliar o sono. Ou cando explicaba que lle voaban as palabras arredor da cabeza e non acertaba coa axeitada. Ela, que era mestra, que tiña unha linguaxe delicada e rica. O día que se perdeu na cidade, derrubouse. As avoas advertiron: “Algo vai pasar”. Daquela, todos lle recomendaban pasear ó sol, facer deporte, descansar… Derivábana ó psiquiatra e este receitaba novas pílulas que a ían afastando da realidade. Ela choraba, ás agachadas, pensando que eu non a vía.



Un día de febreiro, a cidade amenceu nevarada. Ía moita friaxe. Ela, tal e coma a coñecín, cos seus ollos negros cheos de vida e as súas mans finas e suaves, non espertou. Nin a súa voz doce e o seu colo grande volveron ser os mesmos. Soaron as sereas da ambulancia que a levaron a un hospital e logo a outro. E dous días máis tarde estaba na UVI inconsciente. E nós tiñamos pegado o nariz a un cristal e a infancia suspendida no ar. Ninguén tiña respostas que darnos. Meses despois volveu á casa como unha meniña que está aprendendo a andar, á que lle custa engarzar palabras ata formar frases enteiras. Que muda os nomes dos fillos por tendas de roupa e confunde ó enfermeiro co seu pequeno de nove anos. Así coñecín á miña nena, o ser máis fráxil e máis tenro que nunca vira. As súas mans eran as mesmas que peitearan a miña nenez, pero xa non se movían da mesma maneira. E durante tres anos se converteu no máis importante da miña vida.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as