Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Rosae

"In memoriam"

22/04/2019

"


Eu, trinta e dous anos, e ti, vinte e catro máis ca min. Tarde de verán con moita calor, sentadas as dúas naquela azotea. E no medio dunha tertulia familiar, sen entender que era realmente o que che acontecía fíxenche unha pregunta que me daría a resposta a moitas das miñas inquedanzas. Mamá, que hora é? Puxécheste nerviosa, intentando mirar cara outro lado, intentando evitar a miña mirada para que non me dese conta de que algo che acontecía. A suor fría da túa fronte e o tremor da perna dereita eran testemuñas do estado no que te atopabas. De súpeto, levantaches a man dereita e dirixiches o dedo índice ata esfera do reloxo coa única intención de poder contar os minutos que xa pasaran. Escoitábase polo baixiño: as tres e unha, as tres e dúas, as tres e tres... Agora si!! Coa voz temorosa e dubidando da resposta pronunciaches: as tres e dez. Sorriche toda convencida e satisfeita, como si acabases de resolver o enigma máis complexo dos últimos tempos. Eu, sen embargo, palidecín por momentos, intentando disimular as bágoas que querían fluír naquel intre.  Non estabas ben miña nai!! Algo estaba a pasar coa túa memoria, algo acontecía na túa cabeciña e non tiña nome de depresión, como moitos pensamos nun primeiro momento, senón de algo que na actualidade non lle atopo explicación: de  demencia, de enfermidade neurodexenerativa: Alzheimer.



A día de hoxe cada vez que entro no teu cuarto aí está el. Ese reloxo dourado, de muller,  parado, impasible, coma se o tempo non fose con el, como se lle acabase a vida no intre en que pronunciei aquela pregunta, marcando esa hora que resulta complicada borrar da miña memoria.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as