Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Amador Castro Moure

"Ictus"

22/04/2019

"


-Ta ta ta ta ta ta ta ta.

Martelaba o monólogo incomprensíbel cunha cadencia veloz e nerviosa. Movía as mans acompañando os monosílabos para reforzar o discurso. Canda el, a compañeira de toda a vida, vergoñenta, tentaba detelo preméndolle o ombreiro. Ollando para min, musitou unha escusa: «fai igual cando chaman por teléfono, non se decata de que non o entenden».

Eu entendíao. Coido que calquera que fixese un mínimo esforzo. Na despedida do meu pai, transmitíanos a súa dor, a tristura pola marcha do amigo. «Ta ta ta ta ta ta ta ta». Non cumprían as palabras. A face caída, os ollos afundidos, o tremor das mans, dicíano todo. Unha aperta final e marcharon os dous. O silencio da xente que me arrodeaba, ollando aínda para as costas da parella que partía, díxome que sentían alivio. Para a maioría fora unha situación tensa. Mais eu agradecinllo.

Cando pecharon o tanatorio fixen de taxi. Repartín algúns parentes. O día seguinte aínda sería peor. A misa. A obriga de dicir algo coa gorxa afogada polas bágoas. O crematorio. A soidade posterior. Unha muller sacou o tema. «Ese home leva un ano en rehabilitación. Tería que ser consciente de que xa non vai falar nunca, non? Ben podería levar un caderno e escribir o que quere dicir». Irritoume. Irrítanme as persoas que sempre teñen unha receita a xeito para o comportamento dos outros. Comunicárame máis solidariedade, tenrura e agarimo aquel home co seu ta ta ta ta ta ta ta ta que todas as palabras baleiras que escoitara durante o día enteiro.

Xa no leito, só comigo mesmo, pensei: «pasados uns días, heino chamar por teléfono».


"

Arquivado en:
Colaboradores/as