Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Pura Salceda

"Somos"

15/04/2019

"


Agora son outra, un recordo do que fun. Un recordo que busca a súa forma nas mans aprendendo a voar, como paxaros álxidos na procura da calor dun sorriso, dun abrazo que se prolongue, nun inverno por afastar. Miro e non miro. Busco a ollada nova. Tamén o canto das palabras inconexas, a música do desacordo, a melodía do agarimo precisado.



Agora es outra, un artefacto que constrúo cada día. Ollo para ti. Si, aí estás aínda, como un labirinto que percorro ás apalpadelas. Preto e lonxe, achegándote amodiño cara min. Porque son eu os ollos. Son eu a palabra, e a música, e a túa melodía.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as