Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Repositorio de experiencias

Iago Pérez Santalla

"Recuperar un podo"

15/04/2019

"


Era abril e asomaba aos poucos a primavera pola fiestra. Tiña diante de min aquela vista marabillosa onde o monte do Castelo se bica co de Serra. Esa vista significaba andar, recorrer os cortafogos vendo saltar coellos de mata a mata e parellas de perdices en época de namorar. Esa vista significaba liberdade, saír de abismos e problemas que hoxe me parecen ínfimos para repensar a vida osixenándoa de liberdade. Baixar por Serra e tropezar no Puntillón a carón do vello muíño de Parceiros que, coma min, se resiste á ruína. Como o Puntillón, quero volver ser eu, sentirme libre e moer soños para xantar un pan ledo pero, como? Que me queda? Unha man e dúas pernas que teñen que procurar un novo equilibrio.

Agora estou só na casa, soñando co meu muíño. No soño son libre pero o espírito de supervivencia obrígame a espertar. Teño diante de min o antigo chinero que viñera da Coruña, da casa de Don Jorge. Dáme rabia velo, antes de… ía empezar a restauralo. Vou á palleira e collo aquela caixiña tan bonita de ferramentas  que me regalaran o día do pai. Dez días antes…un agasallo doutra vida…Agora teño o chinero enfronte e a caixiña ao meu lado, rodéanos un mundo de posibilidades. Nada que perder, algo que gañar. Imos, imos, collo aquel cicel que me chamara a atención cando abrín a caixa por primeira vez e empezo a lixar o chinero de Don Jorge. Cunha man é moi complicado, súo, desisto, non podo, pero imos outra vez e veña lixa. Imaxino o chinero restaurado e a ilusión que lle faría ao meu pai. Penso nel e volvo á carga. Esta será miña nova misión, sei que podo, sei que a vida volve ter os horizontes de ledicia e porvir.


"

Arquivado en:
Colaboradores/as